TRABALLA SEGURA
Campaña a prol da saúde laboral das mulleres galegas
Campaña a prol da saúde laboral das mulleres galegas
O sector agropecuario, un piar fundamental da nosa sociedade e economía, é un dos sectores con máis riscos laborais e esconde unha realidade preocupante: as mulleres que traballan nel enfrontan riscos laborais que comprometen a súa saúde e benestar.
Os problemas laborais das mulleres fican relegados a un segundo plano. As súas tarefas son consideradas como unha extensión dos labores domésticos, o que dificulta o recoñecemento dos riscos aos que se expoñen e a aplicación de medidas de prevención adecuadas. Como consecuencia, as traballadoras non reciben a compensación nin a protección adecuada por parte das mutuas ou da seguridade social. A lexislación vixente mostra unha preocupante falta de atención á especificidade do sector agrario e, dentro deste, ás particularidades da muller labrega.
Moitas labregas son traballadoras autónomas, o cal agrava a súa precariedade, pois a falsa crenza de que poden organizar o seu tempo con flexibilidade invisibiliza o seu esforzo e subliña a falta de protección para un colectivo que debe realizar traballos pesados, a miúdo sen dereitos básicos de conciliación nin protección adecuada en caso de enfermidade ou accidente. Asegurar un marco normativo que responda a estas necesidades é unha responsabilidade colectiva que non pode ser adiada.
Máis alá de medidas de protección, é fundamental recoñecer os dereitos laborais das mulleres no sector agropecuario. É unha obriga legal recoñecer o labor que realizan, así como os riscos laborais e as enfermidades asociadas, garantindo a protección adecuada e os dereitos laborais que lles corresponden.
Promoción da igualdade de xénero no sector agropecuario, combatendo a discriminación e a violencia de xénero e favorecendo o empoderamento das mulleres neste ámbito.