Dende o SLG transmitimos a nosa preocupación sobre que ía acontecer nos sectores gandeiros unha vez pasado o ano 2018 e caducada a prórroga concedida até que se faga efectiva a prohibición de esparexer xurros. Explicámoslle á conselleira que o sector de vacún non podía asumir fortes investimentos nunha maquinaria moi custosa, pouco efectiva e mesmo inviable en moitas zonas de Galiza e que, sobre todo, non ía server para diminuír as emisións duns gases provocados, maioritariamente, polo porcino intensivo e polos fertilizantes químicos.
A conselleira díxonos que Medio Rural dispuña de informes do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e da Consellaría de Medio Ambiente que demostran que en Galiza non hai un problema salientable coas emisións de amoníaco. Pero quizais o máis importante que nos comunicou é que a prórroga para poder seguir esparexendo os xurros para abonar non vai ser só para 2018, senón que se entende como indefinida, e que aconsellásemos á xente que non fixese ningún investimento en maquinaria para enterrar os xurros porque non ía ser necesario.
Explicámoslle que se trata dun problema gravísimo que temos enriba. A conselleira admitiu a gravidade do problema, que xa lle foi transmitido polos sectores gandeiros en varias ocasións e admitiu que a súa magnitude podía compararse á de problemas como o dos prezos do leite, por exemplo. Ángeles Vázquez admitiu que existían poboacións de determinadas especies salvaxes, coma o xabarín, totalmente fóra de control que, ademais dos danos ás granxas, constitúen un serio problema sanitario de transmisión de enfermidades á cabana gandeira como tuberculose, peste porcina, etc. polo que se está a implicar tamén o Ministerio de Agricultura, xa que non se dá só na Galiza. Vázquez afirmou que a Consellaría de Medio Rural tiña unha liña de traballo común coa de Medio Ambiente para tratar de afrontar as poboacións descontroladas de determinadas especies.
A pesares do dito, a conselleira non nos falou de ningún outro compromiso concreto para facer fronte a este problema. Transmitímoslle a nosa queixa de que os tecores non están a cumprir coa súa responsabilidade e cos plans de xestión das poboacións de fauna salvaxe en grande medida porque non teñen un apoio decidido da propia administración. Neste senso, lembrámoslle á conselleira que moitos tecores teñen un corpo de socios moi envellecido e que están a ter serios problemas para dar saída á carne das pezas cazadas. Para o SLG, Medio Rural debería identificar estes problemas e outros nos tecores para darlles solución.
Denunciamos diante da conselleira este problema que se dá en toda Galiza e que deixa sen base territorial moitas granxas. Explicámoslle que non pode ser que a única solución sexa que uns veciños denuncien a outros para que a Administración actúe. Ángeles Vázquez díxonos que, neste tema concreto, mantivo un encontro coas xefaturas territoriais de Medio Rural para que se actúe de oficio fronte ás forestacións ilegais. E para levar isto a cabo, propuxéronse metas concretas como facer un plan de actuación dirixido a facer respectar a normativa de distancias nas vías de comunicación, comezando polas principais. Neste senso, a Consellaría de Medio Rural ten intención de levantar 290 hectáreas de forestacións ilegais de aquí a xullo e limpar distancias en 500 kms. de autovías, autoestradas e outras vías de comunicación principais, para pasar despois a outras de menor entidade. E nisto están traballando coordinandose con outros organismos como concellos ou a Deputación da Coruña.
Denunciamos que non había un coñecemento da magnitude deste problema no sector e que existía unha grande desconfianza respecto ao seguimento da praga e o programa de control e medidas para erradicala, estando en xogo a produción de pataca non só nas zonas en corentena, senón en toda Galiza. Ángeles Vázquez comprometeuse a facilitarnos os resultados do programa de control e erradicación que estaba levando a cabo a Consellaría. En canto ao programa de indemnizacións reclamamos que, a maiores das xa existentes, se cubra tamén o lucro cesante, especialmente naquelas explotacións nas que unha parte importante dos seus ingresos dependen do cultivo de pataca.
Outro dos temas tratados son as dificultades e eivas nos procesos administrativos relacionados con agricultura: prazos insuficientes para tramitar plans e axudas, fallos informáticos constantes que provocan atrasos e unha grande perda de tempo e recursos. Puxemos como exemplo as primas de incorporación ou os plans de mellora.
Dende o SLG, incidimos na necesidade de que a Consellaría de Medio Rural debe dotarse de mellores recursos técnicos e de máis persoal, non só na administración central, senón, sobre todo, na rede de oficinas agrarias comarcais, especialmente en departamentos como sanidade vexetal e animal ou o CIAM.
Para nós, estas carencias tradúcense en serias dificultades para poder xestionar o día a día das granxas, en problemas para resolver expedientes e ás veces no risco de que se perdan axudas importandes como as citadas. A sensación que temos é a de que se está desmantelando a Consellaría de Medio Rural.
Dixéronnos que nos últimos tempos houbo ampliación de persoal, con prioridade ao sector forestal, pero que entraba dentro dos seus plans reforzar o persoal noutros sectores.
Falámoslle da proposta do Ministerio de Agricultura de que sexan as propias industrias as que comproben e analicen a presenza de antibióticos no leite en substitución do actual programa de control no que as mostras son analizadas polo Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal). Para o SLG, o programa de control do Ligal ofrece moitas máis garantías que a análise que poidan facer as industrias, polo que lle pedimos que isto siga sendo así na Galiza. O contrario sería privatizar outro servizo público en detrimento da calidade e das garantías que nos ofrece agora mesmo a súa xestión polo Ligal. Pedímoslle, polo tanto, que Medio Rural defenda esta posición diante do Ministerio de Agricultura.
Tamén denunciamos da concertación de prezos á baixa que estás a facer as industrias lácteas na Galiza á hora de asinar novos contratos na Galiza. Queremos que se investigue e se tomen medidas Pedímoslle á Consellaría que se investigue realmente se hai acordos entre industrias e se estude en profundidade a formación de prezos que fan as industrias; neste senso, denunciamos a clara discriminación que están a sufrir as nosas granxas cando unha mesma industria paga menos un leite de igual calidade en Galiza con respecto a granxas de Asturias, por exemplo. Trátase dunha clara discriminación e, para nós, ilegal.
Máis en xeral, denunciamos tamén a inexistencia dun plan de futuro para o sector lácteo galego e de foros de diálogo como a Mesa do Leite nos que se poidan deseñar e acordar medidas beneficiosas para o sector.
Sen saírmos do sector lácteo, tamén falamos dos proxectos de industrias e cooperativas lácteas que está a apoiar a Consellaría de Medio Rural. Dixémoslle á conselleira que este tipo de apoios públicos deben estar condicionados a darlle un retorno positivo ao propio sector en forma de compromisos de prezos dignos e mellores condicións contractuais, por exemplo. Non pode ser que se estean a dar axudas millonarias a industrias que despois seguen extorsionando as granxas impoñendo prezos de miseria e condicións leoninas nos contratos, ou mesmo deixando de recoller leite.
Eduardo Quintás reiterou á conselleira a petición da veciñanza de Touro para que visite a zona afectada polo proxecto de extracción de cobre de Atalaya Mining e comprobe, in situ, o forte impacto que ten actualmente a minaría na zona e o que tería sobre as explotacións gandeiras e a vida nas parroquias en caso de ir adiante o novo plan extractivo. Dentro das súas competencias, a conselleira dixo que tiñan que facer un informe ao respecto e comprometeuse a realizar unha visita a Touro para ver as consecuencias do proxecto mineiro.
Parte da comitiva do SLG que se reuniu con Ángeles Vázquez e Belén do Campo. De esquerda a dereita: Eduardo Quintás, Isabel Vilalba e Marieta Pastoriza