Novas

  • VENRES 26 de SETEMBRO, Xornada Reivindicativa do Produto Caseiro Fresco ou Transformado

    VENRES 26 de SETEMBRO, Xornada Reivindicativa do Produto Caseiro Fresco ou Transformado

    • 23,Set 2008
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Hoxe, máis ca nunca, cando o neoliberalismo pretende controlar e uniformizar as culturas alimentarias en todo o mundo, e someter á cidadanía produtora e consumidora aos seus intereses exclusivos; cando os gobernos inclinan máis e máis a balanza para favorecer este control, é necesario que a cidadanía defendamos os produtos caseiros como un patrimonio do pobo galego

    A regulación do produto caseiro trascende ao ámbito produtivo-labrego, repercutindo nas nosas opcións como consumidoras/es e supoñendo a regulación dunha das características máis intrínsecas da Galiza, nomeadamente a posibilidade de acceder a unha alimentación de calidade baseada en produtos do País e o mantemento da distribución dos produtos das nosas explotacións en circuitos de mercado ceibes da perigosa especulación alimentar que estamos a sufrir na actualidade. 

    Na actualidade, cando o produto caseiro é producido e distribuído polas grandes multinacionais da alimentación, este pasa a engrosar a lista dos produtos alimentares de alta gama, co que somentes accede a este tipo de alimentación de calidade as familias cun maior poder adquisitivo. 

    Habida conta da manipulación á que están sometidos o meirande dos alimentos distribuídos polas grandes cadeas de alimentación (transxénicos, pesticidas, ceras…), cuxos prezos baixos son reclamo para o meirande da sociedade, o acceso ao produto caseiro é un privilexio que vai máis aló do sabor do produto, é unha garantía de saúde que non podemos perder. As persoas temos que poder ter á nosa disposición o produto caseiro. 

    Programa de Actividades 

    Nesta xornada participarán veterinarios, veterinarias, labregos e labregas de outros estados, o que nos permitirán saber cal é a realidade do caseiro nestes lugares. Darase a coñecer tamén o decreto que está elaborando a Consellaría do Medio Rural. 

    Ao mesmo tempo e no exterior do local no que se farán as charlas, organizamos un mercado de produto caseiro fresco e transformado. Tamén levaremos a cabo un xantar con produtos caseiros. 

     Venres 26 SETEMBRO

     Dende as 10:00 até as 17:30

     Área central – Santiago de compostela

    Convidámosvos a participar nesta iniciativa, tanto dende a perspectiva labrega como de cidadanía interesada en manter este patrimonio que temos e que, aínda hoxe, permite que un grande número de persoas, sobre todo mulleres, poidan vivir nunha explotación agraria na Galiza

    Compre impedir que a lexislación lle permita ás empresas transformadoras apropiarse do prestixio que ten o produto caseiro grazas ao noso saber facer, e tamén temos que impedir que se legalice que as empresas poidan elaborar e vender un falso caseiro, pois o caseiro só pode ser feito por nós e nas nosas casas

    Moitas grazas pela vosa atención. 

    Saúdas do Gabinete de Comunicación do Sindicato Labrego Galego 
    OBTERÁN MÁIS INFORMACIÓN CONTACTANDO CON:
    Ana Rodríguez Vázquez, Secretaría de Desenvolvemento Rural do SLG, 
    Tlf: 659 057 251