Asistentes á xornada sobre a vacina da Lingua Azul, Santiago de Compostela.
Nesta xornada estase a constatar a existencia de efectos secundarios tales como: mortes, abortos, cegueiras, coxeiras e outras enfermidades logo da aplicación da vacina da LA, denunciadas reiteradamente polo SLG.
Un dos obxectivos desta xornada é que as autoridades competentes recoñezan esta problemática e acadar que se determine a liberdade dos gandeiros e gandeiras para vacinar ou escoller outros métodos para previr e curar a enfermidade.

Lídia Senra -Secretaria de Organización do SLG- e Antoine de Ruffray -representante da Confédération Paysanne-.
Contando coa presenza de Antoine de Ruffray, membro da organización agraria francesa Confédération Paysanne, achegámonos tamén á loita cidadá que se estivo dando en Francia durante estes dous últimos anos a prol do dereito a decidir, ao tempo que denunciaban os intereses económicos que os laboratorios farmacéuticos estaban a priorizar coa total connivencia dos gobernos; mesmo á costa da propia saúde do gando e da estabilidade económica das explotacións, como segue a acontecer no Estado español.
Neste senso, o éxito en Francia da loita da Coordenadora de colectivos contra a obriga de vacinar para a Lingua Azul 1 -que é apoiada pola Confédération Paysanne-, grazas á cal forzouse a paralización da campaña de vacinación para o 2011, é unha experiencia fundamental para evidenciar a problemática de especulación económica existente no procedemento de aplicación desta suposta medida sanitaria.
Lembrar que dende a súa creación en maio deste ano, o Sindicato Labrego Galego forma parte da Plataforma pola libre vacinación do gando2, que agrupa a diferentes organizacións de produtores/as e veterinarios/as a nivel estatal que se opoñen á vacinación obrigatoria e masiva da cabana gandeira, demandando:
A supresión da obrigatoriedade da vacinación contra a lingua azul, seguindo o criterio da maioría da UE.
O cesamento da persecución e presións exercidas aos gandeiros/as que decidiron non vacinar.
O recoñecemento dos danos da vacina e a indemnización dos gandeiros/as afectados/as.
O garantemento da eficacia e inocuidade da vacina para quen decida aplicala.
O emprego de fondos públicos para a procura de tratamentos alternativos para a enfermidade da LA.
1 Pódese acceder ao comunicado emitido o 26 de xullo pola Coordenadora de colectivos contra a obriga de vacinar para a Lingua Azul no seguinte enlace: http://www.collectif.org
2 A Plataforma pola libre vacinación do gando constituíuse o 20 de maio do 2010 en Madrid.