Novas

  • Unindo forzas a nivel global contra o espolio do medio rural

    Unindo forzas a nivel global contra o espolio do medio rural

    • 15,Nov 2021
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    No marco da Xira Pola Vida iniciada polo Exército Zapatista de Liberación Nacional (EZLN) en Vigo o pasado mes de xuño, temos a oportunidade de contar agora na Galiza con Mª de Jesus Patricio, Marichuy, a primeira persoa en ser elixida polo CNI para presentarse a unhas eleccións federais mexicanas, na convocatoria do ano 2018. Este proceso histórico para os pobos indíxenas e os pobos en resistenza no seu conxunto ficou recollido no documental La Vocera, da cineasta Luciana Kaplan.

     

    Esta defensora dos dereitos humanos de orixe nahua é ademais unha referencia en toda Abya Yala (América Latina) polo traballo desenvolvido no ámbito da menciña tradicional, a súa defensa dos dereitos das mulleres e a loita contra o espolio dos recursos naturais e a conseguinte expulsión da poboación rural das áreas nas que viven.

     

    Tamén grande coñecedora dos procesos de articulación social para facer fronte á destrución da minaría, megaparques eólicos, presas e demais actividades extractivas cas que as empresas que acaparan o negocio enerxético e de combustíbeis a nivel mundial están a provocar a destrución dos ecosistemas globais é Nisaguie Abril Flores, indíxena binnizá activista da Asamblea de los Pueblos Indígenas del Istmo en Defensa de la Tierra y el Territorio.

     

    O Istmo de Tehuantepec, no Estado de Oaxaca, unha das zonas con maior presenza de pobos indíxenas en todo México -comunidades ikoots e biniza’a-, é un espazo natural estratéxico que se atopa baixo a ameaza do denominado Megaproyecto del Itsmo, que inclúe, entre outras intervencións, un tren interoceánico e varias decenas de parques eólicos, algúns deles operados por empresas do Estado español.

     

    Dende o Sindicato Labrego Galego, integrante da Rede Galega Stop Eólicos, Contraminacción e organización articulada tamén na loita contra a contaminación das augas e o acaparamento de terras no noso país, valoramos como unha oportunidade moi importante o poder intercambiar experiencias e coñecemento con estas dúas mulleres defensoras dos ecosistemas e da Natureza na súa totalidade, da que tamén formamos parte os seres humanos.

     

    Na liña da acción global contra os impactos na saúde do planeta infrinxidos polo capitalismo neoliberal, convocamos a tódalas persoas interesadas a achegarse aos espazos que poderemos compartir con estas dúas mulleres referentes na loita pola Vida.

     

    Baixo a convocatoria Resistencias ao extractivismo e a minaría en México e Galiza. Autoorganización popular e autogoberno indíxena”, Mª de Jesus Patricio, Marichuy, e Nisaguie Abril Flores participarán nos seguintes actos abertos:

     

    Mañá, MARTES 16 de novembro:

     

    16:30H Roteiro guiado pola Plataforma Veciñal MINA Touro o Pino NON. Punto de encontro Dona Dana (Touro).

     

    20:00H Charla Coloquio no local do SLG de Compostela R/ Ofelia Nieta (Meixonfrío) 13 – 23. Organiza: Plataforma Veciñal MINA Touro O Pino NON, Sindicato Labrego Galego (SLG) e Fundación Montescola.

     

    MÉRCORES 16 de novembro:

     

    13:00H Charla Coloquio en Compostela, no Salón de Graos da Facultade de C.C. Políticas. Modera: María Teresa Ponte Iglesias. Catedrática de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais.

     

    19:00H Charla coloquio en Vigo, na biblioteca da Universidade Popular, Garcia Barbón nº 5.