Ao longo do día sucedéronse os actos informativos, reivindicativos e lúdicos. Dende charlas e mesas redondas até concertos e lectura de textos de apoio.
Nas intervencións que tiveron lugar nas mesas redondas programadas pola tarde, o presidente do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, Vidal Romani, resaltou que “non se lle ve utilidade social ao proxecto”, e incidiu nas consecuencias que a extracción de cuarzo poderían atinxir, das que destacou a posibilidade de grandes inundacións debido ás características do chan da zona.


Mesas redonda: Romani, Prieto e Pérez-Rei.
Pola súa banda, Margarida Prieto Ledo –Coodenadora comarca do SLG-, fixo un percorrido por estes tres anos de loita veciñais, nos que foron moitos os recursos, alegacións, xuntanzas, mobilizacións e demais actos reivindicativos por parte das mulleres e homes da Terra Chá.
José Pérez Rei –Asesor Xurídico do SLG- explicou á veciñanza, e ás persoas que se achegaron até a Terra Chá interesándose polo conflito, os contenciosos interpostos pola multinacional Erimsa contra os concellos de Castro, Cospeito e A Pastoriza, arestora en curso, e recalcou que trátase dunha actividade autorizable, máis non “permitida”, malia o cambio lexislativo.
Durante a tarde sucedéronse lecturas por parte de persoas do eido da cultura, entre as que destacaron as intervencións de Xabier Cordal, Darío Xohán Cabana, Alfonso Torrado e Xabier P. Docampo, malia a que este último escusou a súa presenza na xornada por coincidirlle cunha homenaxe que lle realizaban esa mesma tarde.
O manifesto de apoio á loita contra as minas na Terra Chá, realizado por Docampo, foi finalmente lido por Xabier Cordal.

Xabier Cordal e Darío Xohán Cabana.
A tardiña e a noite foron o espazo para a música, pechando esta xornada reivindicativa coa ilusión e forza necesarias para seguir levando adiante con determinación a loita d´A Terra Chá por impedir a explotación dos seus recursos naturais polas multinacionais da extracción mineira e os gobernos que as apoian.

Actuación do grupo Caivanca.