O presidente do Executivo galego tamén anunciou algunhas medidas que poderían axudar ás explotacións de leite a acadar unha liquidez temporal: cobro das axudas da PAC 2009 en xuño e cobro inmediato das axudas pendentes do pasado 2008.
Asemade, comprometeuse, “nun breve prazo”, a estudar préstamos subsidiados para dotar de circulante ás explotacións a través do IGAPE, así como a estudar liñas de axudas directas. Dende o Sindicato Labrego Galego instámolo a facelo urxentemente e lembrámoslle que, de non presentar medidas que realmente rematen coa grave situación económica na que se atopan as explotacións de leite, o vindeiro 26 de maio o sector botarase novamente á rúa, desta vez cunha tractorada nacional.
Non queremos só medidas de choque que nos obriguen a estar repetida e permanentemente en situación de crise, por iso o SLG puxo sobre a mesa, na reunión mantida nesta mañá, que son precisas medidas estruturais que reconduzan a política leiteira na UE, única garantía para rematar con esta situación de prezos insostíbeis e inundación de leite doutros países comunitarios.
Non só o Goberno galego, senón tamén o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino, así como a Unión Europea, son os responsábeis de deseñar medidas que avancen cara a construción dunha nova política agraria que remate con esta crise e estabilice ao sector mediante a fixación de prezos para o leite.
