Así, ademais do SLG, participou máis de medio cento de persoas, moitas das cales representaban a colectivos como Asociación Cultural O Iribio, Asociación de Afectados polas Louseiras do Val do río Baos, Asociación Petón do Lobo, Auga Limpa Xa!, Coluna Sanfins, Comisión das Minas da Terra Chá, Comisión de Seguimento da Minaría e Defensa do Rural de Mesía-Frades, Comunidade de Montes de Tameiga, Contraminacción, Instituto Galego de Terras Comunitarias, Mina Touro O Pino Non, Non Eólicos Ordes, Salva la Selva, Salvemos a Comarca de Ordes, Salvemos as Fragas de Catasós, Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, Verdegaia e Véspera de Nada. “Arredor de trinta colectivos, algúns que nos manifestaron que querían estar pero que lles era imposible nesta data e outros cos que trataremos de cooperar para reforzar esta loita polo ben común e o interese xeral”, explicou Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG.
A xornada Nacional en Defensa da Terra comezou coas intervencións de Vilalba Seivane e de Margarida Prieto Ledo, coordinadora do SLG na Terra Chá. Da súa introdución, tiráronse datos preocupantes, como o feito de perdermos, nos últimos trinta anos, o 20% da nosa superficie agraria útil, unhas 150.000 hectáreas. Hoxe, Galiza ten unha das porcentaxes máis baixas da UE de terra agraria: menos do 22%, fronte a unha media comunitaria que se achega ao 40%. Os expertos din que, para termos un sector lácteo competitivo, deberiamos mirar o exemplo de Irlanda. Non lles falta razón, pero acontece que máis do 70% do territorio irlandés é superficie agraria. Pola contra, en Galiza, a superficie dedicada a eucalipto duplicouse dende 1986, pasando 425.000 hectáreas.
Entre as novas ameazas para a terra na Galiza estarían aquelas ligadas ao xa coñecido como o capitalismo verde e a produción de enerxías supostamente limpas: a proliferación de parques eólicos, a extracción de minerais ligados á substitución do petróleo por electricidade (cobre, litio, terras raras, etc.) ou a construción da maior planta de biomasa de España en Curtis da man de Greenalia son tres bos exemplos. Este último caso fai temer que se intensifique aínda máis o cultivo de eucalipto para fornecer de materia para queimar e, en canto aos eólicos, as previsións apuntan a que, en breve, Galiza chegará a ter 187 parques con 4.000 Megavatios de potencia.
Ademais do acaparamento de terras, Isabel Vilalba tamén chamou a atención sobre a degradación da que queda. A deficiente xestión dos refugallos, como o xurros da gandería industrial ou os lodos de depuradora, están creando un problema ambiental de proporcións aínda descoñecidas e contaminando con tóxicos amplas superficies do territorio e os recursos hídricos da Galiza. A isto habería que engadir o problema da desertización, con máis do 40% do solo galego degradado polos incendios, os eucaliptos e a escasa achega de materia orgánica á terra que favorece a súa erosión.
Finalmente, a secretaria xeral do SLG sinalou como colaboradora e instigadora necesaria de todo este proceso á propia Xunta de Galicia gobernada polo Partido Popular. O seu apoio incondicional e activo ás diversas formas de acaparamento de terras ten a súa mellor expresión nas diversas leis que creou ou nas que está a traballar para facilitar o acaparamento de terras: a Lei de Fomento de Actividades Empresariais, máis coñecida como Lei de Depredación; ou a Lei de Avaliación Ambiental, coñecida como Lei de Prevaricación, son a expresión disto último.
Posteriormente, as persoas participantes traballaron en grupos cuxa temática deixa constancia das diversas frontes nas que se expresa o acaparamento de terras na Galiza: minaría, parques eólicos, forestación de terras agrarias e monocultivos forestais para biomasa e produción enerxética, urbanismo e infraestruturas, gandería industrial e, finalmente, un grupo mixto para analizar outras formas menos coñecidas de usurpación do noso territorio.
O traballo continuou pola tarde coa intención de plasmar todas as ideas debatidas en propostas de acción concretas ao redor de catro eixes: a necesidade de que a sociedade galega reciba información transparente e veraz sobre este tema, a posta en marcha de políticas orientadas ao cumprimento dun modelo de ordenación territorial, a simbiose entre os modelos produtivos e de consumo para que sexan acordes coa protección da terra e, como non podía ser doutra maneira, as diversas formas de mobilización social para acadar todo isto.
Desta maneira, vén de plantarse unha semente que agardamos nos leves cara a formas máis estruturadas e amplas de organización na Galiza para reforzarnos e mellorar a loita en defensa da terra, sexa cal sexa a maneira que teña de expresarse. “Non é un inicio”, matizou Isabel Vilalba, “pois en moitas comarcas xa estamos defendendo as nosas terras, auga, aire, casas, ríos, fragas, patrimonio natural e cultural”. A secretaria xeral do SLG inaugurou o encontro cunha cita de Eduardo Galeano: “Viñeron. Eles tiñan a Biblia e nós tiñamos a terra. E dixéronnos: Pechen os ollos e recen. E cando abrimos os ollos, eles tiñan a terra e nós a Biblia”. Fronte a isto, parafraseou a cita actualizándoa á realidade galega, advertindo que “veñen. Eles teñen a propaganda e as promesas de progreso e nós temos a terra. E dinnos pechade os ollos e crede. E cando abrimos os ollos, eles teñen a terra e nós temos os escombros, as balsas de lodos, a auga contaminada, os incendios, o lixo… e as promesas”. Pero, fronte a esta realidade “nós non imos pechar os ollos e crer en quen só quere especular e non lle importa hipotecar o noso presente e o noso futuro. Seguiremos tendo a terra e non balsas de residuos, de lodos, lixo, auga e terra contaminadas”.