Novas

  • Un cebadeiro de xatos en Narón leva seis meses inmobilizado arbitrariamente por Medio Rural

    Un cebadeiro de xatos en Narón leva seis meses inmobilizado arbitrariamente por Medio Rural

    • 08,Out 2020
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Aínda que no proceso de baleirado sanitario se podería denunciar falta de información e concreción para aplicar a drástica medida, o que resulta de todo incomprensible é que se inmobilice tamén o cebadeiro, cando está a tres quilómetros da granxa de reprodutoras e nunca tivo problemas sanitarios de ningún tipo, manténdose ademais illado da explotación de reprodución. Ante o silencio da Consellaría de Medio Rural, que está a facer ouvidos xordos a varios recursos presentados para solucionar a situación, María Jesús Otero vén de rexistrar un escrito de queixa diante da Valedora do Pobo. No documento, denúnciase polo miúdo esta situación e solicitámoslle unha entrevista á Valedora para poder explicarlle persoalmente os agravios que está a sufrir esta gandeira de Narón por mor dunha máis que reprobable falta de transparencia administrativa.

    CRONOLOXÍA DOS FEITOS DENUNCIADOS

    • 7 de xaneiro de 2020: A explotación fai saneamento, sen que se detecten problemas sanitarios.

    • 3 de marzo de 2020: María Jesús Otero incorpora unha vaca mercada en Cantabria na explotación de produción e preprodución. Esta res estivo sempre separada dos outros animais da explotación, sen entrar nunca en contacto con eles.

    • 24 de marzo de 2020: Os servizos veterinarios oficiais realizan unha proba de intradermotuberculinización simple, dando positivo e ordenándose o sacrificio da vaca mercada en Cantabria.

    • 22 de abril de 2020: Sacrifícase a res e confírmase que tiña tuberculose. Por este positivo, realízase a avaliación epidemiolóxica polos servizos veterinarios, propoñendo o baleiro sanitario total da explotación.

    • 9 de xuño de 2020: Notifícase a resolución do director xeral de Gandería pola que se ordena o baleirado sanitario total da explotación de produción e reprodución, sacrificándose as catro vacas que había nese momento.

    • Primeiros de xullo: Recurso de alzada contra o baleirado sanitario, recórrese a resolución mediante recurso de alzada polas numerosas carencias no proceso: a vaca que deu positivo non tivera contacto coas outras, análises ante-mortem insuficientes, etc. A día de hoxe, tres meses despois de presentar o recurso, a Consellaría de Medio Rural segue sen resolver.

    Dende o último recurso presentado, levamos tres meses agardando a resposta da Consellaría de Medio Rural en relación co baleiro sanitario, sen éxito, ao tempo que cada día que pasa agranda as perdas económicas que está a sufrir María Jesús Otero na súa actividade profesional. Por outra banda, a finais de xullo pediuse por última vez o levantamento da inmobilización, tamén sen resposta. Dende o Sindicato Labrego Galego agardamos que, dende a Valedora do Pobo, se lle chame a atención á Consellaría de Medio Rural e se resolva canto antes esta situación que comeza a ser insostible.