Neste marco e durante catro días, do 22 ao 25 de marzo, Isabel Vilalba e Xosé Ramón Cendán participaron, en representación do SLG, en multitude de debates, foros e manifestacións nos que organizacións sociais de todos os ámbitos e procedencias reflexionaron e demandaron unha Unión Europea alternativa que poña por diante o coidado das persoas e dos pobos que a integran e non os intereses corporativos das grandes empresas.
No eido agrario, as intencións iniciais do Tratado de Roma e a Política Agraria Común (PAC) levan xa 60 anos en suspenso. A pesares de seren mencionados no acordo fundacional de 1957, obxectivos fundamentais como garantir unha vida digna aos labregos e labregas, estabilizar os mercados e asegurar o subministro de alimentos a Europa con prezos que sexan accesibles para todos os consumidores e todas as consumidoras, foron en grande medida ignorados nas políticas agrícolas das últimas décadas. No seu canto, vemos que a actual PAC está deseñada para engrosar os beneficios corporativos a costa de desangrar aos labregos e labregas que producen os alimentos. Non podemos obviar que todos estes anos de Política Agraria Común deron como resultado un medio rural cada vez máis despoboado e envellecido, a desaparición de centos de miles de granxas en toda Europa, un modelo produtivo predominante de corte intensivo e industrial que ten provocado numerosos escándalos alimentarios e unha sangría de recursos públicos destinados a subvencionar uns prezos en orixe moi rendíbeis para as industrias e grandes cadeas de distribución pero inviables para os homes e mulleres que gañan a vida no meirande dos sectores agrogandeiros.
Antes de entrar no Mercado Común, na Galiza había máis de 100.000 explotacións leiteiras; hoxe, tras décadas de coutar o crecemento do sector cunhas cotas lácteas inxustas que marxinaron claramente a nosa terra, ás penas pasamos de 8.000 granxas. Datos coma este deberíannos facer reflexionar e considerar a necesidade urxente de dar unha viraxe radical ás políticas agrarias comunitarias.
Por iso, porque queremos recuperar os obxectivos fundacionais do Tratado de Roma de garantir a seguridade alimentaria dos pobos de Europa, porque pensamos que a PAC debe incorporar unha visión adaptada aos desafíos que actualmente afronta a nosa sociedade como son a saúde pública, a conservación do medio ambiente e a xustiza social, o Sindicato Labrego Galego seguirá traballando, tanto en solitario como no seo da ECVC, para que as políticas agrarias comunitarias recuperen o espírito fundacional do Tratado de Roma e evolucionen cara un século XXI en base a principios irrenunciábeis como termos un traballo digno e construír novas políticas baseadas na agroecoloxía e na soberanía alimentaria.