Novas

  • Solicitamos xuntanza ca CMR para concretar as incidencias derivadas da vacina da lingua azul e abordar solucións

    Solicitamos xuntanza ca CMR para concretar as incidencias derivadas da vacina da lingua azul e abordar solucións

    • 11,Xul 2023
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    A raíz da confirmación de circulación no sur de Galiza do virus da lingua azul o 17 de Febreiro de 2023 e á modificación dos anexos I e II da Orde APA/1251/2020, foi activada na Galiza a campaña de vacinación e medidas de control e erradicación desta enfermidade, sendo unha vez máis varias as granxas que se viron afectadas con incidencias relevantes no gando vacinado -de xeito diferenciado mortes e problemas no ciclo xestante que están dando lugar á momificación de fetos, abortos, infertilidade…-.

    A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), a gandeira Isabel Vilalba, vén de dirixirse á Consellaría do Medio Rural para solicitar unha xuntanza ca persoa responsábel da área de vacinación animal a fin de concretar o grao de incidencias e afrontar unha posible solución a esta problemática.

    Ademais dos prexuízos derivados das perdas económicas asociadas a estes casos detectados na cabana gandeira vacinada, as gandeiras e gandeiros están especialmente preocupadas pola persistencia de reaccións adversas á vacina, xa denunciadas anteriormente, recoñecidas pola propia Administración, e que motivaron unha modificación nas pautas de vacinación, que pasou a ser voluntaria no ano 2011.

    Cabe lembrar que os primeiros casos desta enfermidade na Galiza foron detectados na zona da Mariña no ano 2008, e xa dende o inicio das campañas da vacinación o sector gandeiro a nivel de todo o Estado alertou no ano 2009 das consecuencias negativas que esta inoculación estaba a causar nos animais, chegando a superar as perdas por mor destes efectos as propias consecuencias derivadas da enfermidade en si mesma.

    O SLG-CCLL vén denunciando esta situación dende o seu inicio, mantendo no ano 2010 unha xuntanza co Director Xeral de Gandaría para demandar unha actuación urxente por parte da Administración e animando ás granxas a denunciar esta problemática. En xaneiro do ano 2011 a vacina deixou de ser obrigatoria para todas as explotacións. A día de hoxe a vacina é obrigatoria en zonas onde se detectan casos de lingua azul.

     

     

    IMAXE: Diario Sur 2014