Novas

  • Solicitamos informes de afección e presentación de alegacións ás 3 Reservas da Biosfera   afectadas pola macrofábrica de celulosa de ALTRI e Greenalia

    Solicitamos informes de afección e presentación de alegacións ás 3 Reservas da Biosfera afectadas pola macrofábrica de celulosa de ALTRI e Greenalia

    • 01,Abr 2024
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Logo da solicitude de información dirixida a pasada semana á Reserva da Biosfera Terras do Miño, Margarida Prieto Ledo, Responsábel da Loita contra o Acaparamento de Terras no Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) e vogal do SLG-CCLL no órgano consultivo de devandita Reserva, vén de solicitar a emisión de sendos informes de impacto e afeccións sobre os concellos que están integrados nas Reservas da Biosfera As Mariñas Coruñesas e Terras de Mandeo e Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, a fin de seguir afondando nas consecuencias que tería sobre a poboación e territorio nun radio superior aos 30km. a macroindustria de celulosa proxectada por Greenfiber -unha sociedade participada ao 75% polo problemática pasteira Altri e o 25% pola polémica Greenalia, unha das principais corporacións detrás da invasión de polígonos industriais eólicos no noso país que se caracteriza ademais pola súa fluidez nas relacións ca Xunta de Galicia e élites económicas, sendo a ex-conselleira de Medio Ambiente do Partido Popular Beatriz Mato ou José María Castellano (Inditex, Fadesa, Nova Caixa Galicia/ABANCA…) destacados membros do seu consello de administración.

    “É moi posible que en concellos como Curtis na Coruña, ou Portomarín, Chantada e Taboada en Lugo, os prexuízos desta macrocelulosa de case catrocentas hectáreas de extensión teñan un impacto diferenciado, aliás dos xa sabidos prexuízos derivados da extracción de case medio cento de millóns de litros diarios de auga limpa do embalse de Portodemouros e o verquido diario de 30 millóns con substancias químicas á Ría de Arousa”, incide Margarida Prieto no seu escrito.

    Ademais de dirixirse ás Deputacións e consellos reitores correspondentes, a Responsábel da Loita contra o Acaparamento de Terras no SLG contactou co Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para demandar a realización dun segundo informe por parte da área de Relacións Internacionais e Reservas da Biosfera, instándoa asemade a presentar alegacións a este proxecto “polos impactos que vai a ter sobre o medio ambiente e sobre as actividades económicas existentes no territorio”.

    A designación das reservas de biosfera son competencia da Directora Xeral da UNESCO a través do programa intergobernamental MAB, sendo o seu Consello Internacional de Coordinación o que toma a decisión. Na Galiza, a implantación desta macroindustria podería ter repercusións na propia categorización das áreas designadas Reserva da Biosfera, “preocúpanos por exemplo as posibles consecuencias para a da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, declarada pola UNESCO fai tres anos, no 2021”, advirte Prieto.

    Estas demandas de información e posicionamento por parte das Reservas da Biosfera a nivel galego e internacional (UNESCO) que se verían afectadas pola actividade contaminante deste complexo industrial engádense aos informes sobre a unidades produtivas agrarias prexudicadas requiridos polo SLG o pasado xoves 21 de marzo á Consellaría do Medio Rural.

    “Dende o Sindicato Labrego Galego estamos poñendo tódolos nosos esforzos en parar esta xigantesca fábrica de celulosa”, abonda Margarida Prieto. “Non imos permitir que un macroproxecto industrial contaminante se instale no corazón do noso país. Cada vez é máis poboación a que está alarmada ante esta posibilidade. Ademais, resulta até bochornoso pensar que en pleno século XXI, ca conciencia ecolóxica que se supón que temos como sociedade e, por ende, como institucións públicas, se poña sobre a mesa a posibilidade de destinar 250 millóns de erario público para enriquecemento dunha empresa que vai degradar a calidade de vida dunha contorna previsiblemente superior aos 40km. Inversión en alternativas verdadeiramente sustentables e xeradoras de emprego de calidade, como a produción ecolóxica de alimentos ou o apoio á incorporación de persoas labregas, é o que precisamos, non financiarlle o negocio a Altri-Greenalia. A previsión é que 6 de cada 10 persoas que se adican arestora á produción de alimentos estea xubilada no ano 2030. Sen embargo, á hora da verdade vemos como se facilita de xeito desproporcionado este tipo de industrias, ao tempo que se lles denegan as axudas ás granxas que cumplen os requisitos, como o ano pasado ás 250 que quedaron fóra das axudas do CRAEGA, argumentando que para iso non hai cartos”.

    Ademais, dende o Sindicato Labrego Galego elaboramos un mapa detallado da área de afección desta macropasteira de celulosa dez veces maior ca de Ence en Pontevedra e poñemos a disposición da cidadanía modelos de alegación elaborados pola Plataforma Ulloa Viva e outras organizacións sociais e ecoloxistas, ao tempo que facilitamos como punto de entrega de alegacións os nosos locais nos concellos de Arzúa, Melide, Compostela, Santa Comba, Ordes, Betanzos, Teixeiro, Moeche, Valdeorras, Ribadavia, Xinzo, Lugo, Sarria, Chantada, A Fonsagrada, As Nogais, Ribadeo, Lourenzá, Vilalba, Meira, A Estrada, Lalín, Ponteareas, O Rosal, Crecente e O Salnés, até o venres 12 de abril.