Novas

  • Rexistro da Declaración e Solicitudes sobre a Praga da Pulguiña do Carballo

    Rexistro da Declaración e Solicitudes sobre a Praga da Pulguiña do Carballo

    • 12,Xan 2010
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Neste documento estruturado en tres partes, as organizacións protagonistas desta iniciativa -entre as que se atopan concellos, colexios profesionais, organizacións sociais e do ámbito forestal e sindicatos- expoñen unha primeira valoración detallada ao respeito da fundamental importancia das frondosas autóctonas no sector forestal, expresando a súa “fonda preocupación pola praga que está a afectar aos carballos nos últimos 15 anos” así coma a “inquietude polas fumigacións con produtos químicos”, de “escaso resultado” á hora de erradicar esta praga.

    Perante da situación descrita, as entidades solicitan neste documento dirixido á Consellaría do Medio Rural a “revisión da presenza da praga da pulguiña do carballo no territorio galego, elaborando, de ser o caso, unha nova orde de declaración da praga na que se inclúan tódolos concellos afectados”, puntualizando tamén que estes traballos haberán de enmarcarse “dentro do control integrado de pragas, utilizando métodos de loita biolóxica, evitando os tratamentos químicos e, en todo caso, descartando o uso de sustancias que foran excluídas do Anexo I da Directiva europea 91/414/CEE sobre sustancias activas de produtos fitosanitarios.”

    Demandan tamén a actualización periódica da información sobor das enfermidades e pragas forestais, facendo fincapé en que haberán de ser divulgadas dun xeito accesíbel para a cidadanía.

    No seu interese por levar adiante canda a Consellaría do Medio Rural unha loita conxunta contra esta praga, que está a afectar maiormente aos montes do sur da provincia de Lugo e á meirande parte da provincia de Ourense, os e as asinantes desta Declaración comprometéronse pola súa banda a manter actualizada a información sobre a presenza e afectación da praga, facilitando a aplicación das accións de control necesarias nas masas forestais afectadas e mantendo informada de xeito efectivo á veciñanza sobre a praga e os tratamentos que se efectúen, así como os lugares e datas nos que terán lugar.

    rex2

    Charo Sánchez, Vicepresidenta da Asociación FROUMA e Secretaria de Medioambiente, Terra e Montes do Sindicato Labrego Galego, esta mañá no Rexistro Xeral da Xunta de Galiza.

     

    ENTIDADES ASINANTES:Asociación Ecolóxico-Cultural SOS Courel, Asociación Frouma, Asociación Galega de Apicultura, Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, Concello de Allariz, Concello de A Merca, Concello de A Pobra do Brollón, Concello de Barbadás, Concello de Chantada, Concello de Monforte de Lemos, Concello de Sarria, Concello de Toén, Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, Reserva da Biosfera “Área de Allariz”, Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas.

    ARQUIVO PARA DESCARREGAR: Declaración e Solicitudes sobre a Praga da Pulguiña do Carballo.