Dende as 11 da mañá de hoxe tivo lugar na Praza Roxa de Santiago de Compostela a primeira edición do Mercado das Alfaias, un mercado labrego con produtos agroecolóxicos e locais, organizado polo Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) e a asociación compostelá Non é o mesmo, e que ten vontade de voltar á capital galega con cada nova estación para dar a coñecer os alimentos de cada tempada, así como onde mercalos e os establecementos hosteleiros onde consumilos.
Como parte de este espazo de intercambio e convivencia entre produtoras e consumidoras, as persoas que se achegaron hoxe até a Praza Roxa puideron, ademais de adquirir produtos agroecolóxicos de tempada, degustar algúns deles, desfrutar do concerto de Kedirán e afondar nas claves dun sistema alimentar comprometido ca sociedade, o medio ambiente e o territorio a través dunha ronda de palestras que contou con voces do sector produtor, da distribución, da hostalaría e das persoas consumidoras.

A labrega agroecolóxica de Vedra e afiliada do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas Lídia Senra enmarcou ca súa internvención a dimensión de sensibilización social e políticas públicas implícita na proposta de realización desta primeira edición do Mercado das Alfaias: “Este mercado é unha escenificación do que sería unha política agroalimentaria baseada na Soberanía Alimentaria, un concepto acuñado polo movemento global La Vía Campesina no ano 1996, do cal o Sindicato Labrego Galego, que está presente aquí hoxe, forma parte dende a súa creación no ano 1992 en Mons”.
Senra incidiu en que son as políticas agrarias as que deciden como e que alimentos chegan á cidadanía, polo que o tipo de alimentación á que accedemos está condicionada polas decisións que se toman a nivel europeo, estatal, galego e mesmo local. É dicir, son varias as dimensións administrativas dende as que se pode facer moito por avanzar no modelo agroecolóxico e transitar cara o dereito á soberanía dos pobos, iso si, tendo conta de que non teña lugar unha apropiación desta terminoloxía que precisamente desvirtúe as súas premisas fundamentais. “Chega un punto en que desde o Capital, desde as grandes multinacionais, desde as grandes empresas, téntanse apoderar daqueles conceptos ou aquelas palabras que teñen aceptación por parte da sociedade. Pero precisamente a Vía Campesina lanzou esta alternativa como proposta fronte ás políticas agrarias de globalización, que a través dos acordos internacionais de libre comercio estaban, e están, abrindo totalmente as fronteiras e poñendo a alimentación como una materia prima, barata, vulgar, hai que dicilo así, porque non é una alimentación de calidade, en calquera parte do planeta, arruinando os labregos en labregas de todo mundo e destruíndo os mercados locais”, afondou.

Seguidamente, Miguel Navarro, de Burbullas de Sol, que conta cunha explotación agrícola familiar multifuncional en ecolóxico debuxou un panorama xeral da súa experiencia como produtor de alimentos, incidindo na aposta polo modelo labrego malia ás condicións adversas e a falta de apoio por parte da administración. “O noso modelo, sendo pequeno, pretende ser unha alternativa realista, unha alternativa viable economicamente, gañarnos a vida con isto, creemos que moitos pequenos podemos construír algo grande, pero a realidade é que as accións políticas van no sentido contrario. Na nosa zona, o val do Ulla, imos camiño de ser algo anecdótico, unha especie en perigo de extinción, porque a onde se están indo os cartos públicos que impulsan un modelo ou outro é a expandir macroviñedos de albariño en intensivo e estamos vendo cos nosos propios ollos, por exemplo, como a nosa paisaxe cambia a ritmo vertixinoso. Pero teño a convicción fonda de que se poden facer as cousas doutro xeito, que poden funcionar, nós levámolo tentando dende fai máis de 12 anos, inda que as marxes sexan estreitas”.

Dende a súa visión como distribuidor, Xosé Manuel Durán, do establecemento A Cesta da Saúde, quixo facer fincapé na necesidade de educármonos nos beneficios que para a nosa saúde e o medio ambiente ten a promoción dunha alimentación sá e de calidade producida nas nosas contornas. “Esta educación penso que terá que ser entre nós, porque evidentemente no hai vontade política. Vemos como nos colexios se externaliza a comida das crianzas, vemos como as grandes superficies levan todo o que se merca e o curioso desta xente é que teñen algo moi forte: calidade, bo prezo… Pero hai unha parte que se perde no medio. A xente segue pensando que o ecolóxico é caro, ou que ten que ser caro. Pero temos que poñerlle un “apelido”, é ecolóxico e de cercanía, que é onde podemos ver todo isto: calidade e bo prezo, non ten máis”.
Borja Magariños, do Restaurante Bellaco, enfatizou o compromiso por parte dalgúns establecementos hostaleiros para que sexa posible fortalecer o modelo agroecolóxico e o seu achegamento á cidadanía. “Estamos dispostos a pór da nosa parte para que haxa un medio rural vivo. A nivel de políticas agrarias vemos claramente como se potencia a grande distribución. Vimos na pandemia como as axudas dos concellos ían para os supermercados, levando a esa inercia que fai pensar que só podemos acceder a unha alimentación completa e saudable a través deste tipo de establecemento”.

Dende a súa posición como consumidora na promoción da alimentación agroecolóxica e local, Martina Rey afondou na relación entre medioambiente, sociedade e políticas públicas alimentarias. “A crise ecolóxica, social e de biodiversidade na que nos atopamos require cambios, facernos responsables de como nos ubicamos neste mundo, que estratexias empregamos para habitalo e consumir os alimentos que consumimos. Trátase dalgo que facemos tres veces ao día mínimo, polo que debemos tomar conciencia aspirar a alimentarnos de xeito sostíbel co menor impacto no medio ambiente. O agroecolóxico e o local vertebran todas estas cuestións. A día de hoxe sabemos que o 25% do impacto dos gases de efecto invernadoiro deriva do comercio de alimentos, é dicir, do seu consumo. Pois todo o que podamos diminuír é algo no que estamos avanzando. E logo, unha cuestión fundamental é a política. As administracións públicas deciden se queren dar os cartos a unha desas grandes marcas que quizá están explotando noutros lugares, sustentando conflitos que tamén temos moi presente hoxe nós aquí, permitindo os seus impactos medioambientais, ou en persoas que comungan cun xeito respectuoso de habitar o mundo e que se están gañando a vida dunha maneira que é digna e que ademais estanos alimentando”.
Dende o Sindicato Labrego Galego valoramos enormemente a posibilidade de colaborar canda a Asociación Non é o Mesmo na área de Compostela para dar visibilidade ás problemáticas ás que se enfronta a agricultura labrega, as repercusións que ten para nós como sociedade e como persoas non ter garantida a nosa soberanía alimentaria e poñer en contacto labregas agroecolóxicas da contorna con tendas e restaurantes que compartan esta filosofía de consumo responsable a fin de consolidar dinámicas que vaian priorizando a demanda e consumo dunha alimentación local e ecolóxica en tódolos sectores.
