A Consellaría de Medio Rural publicou o 1 de febreiro a listaxe de persoas e empresas beneficiarias das axudas para a reestruturación do viñedo do ano 2020 e, unha vez máis, unhas poucas empresas e adegas acapararon a maior parte dos cartos. Estamos falando de case tres millóns de euros (2.994.777 €) que se repartiron entre 166 beneficiarios. Deses cartos, os 10 solicitantes máis favorecidos quedaron co 41% dos cartos (1.226.463 €). Se afinamos, comprobaremos que só os cinco primeiros (o 3% dos solicitantes) acapararon máis do 27% do orzamento: 817.141 €.
A maiores, o 8 de febreiro publicábase no DOG a listaxe de beneficiarias das axudas para a promoción do viño en terceiros países. Neste caso, estas axudas case poderían poñer como requisito a adscrición á denominación de orixe Rías Baixas, porque do 1.345.069 € repartido, 1.297.054 € (o 96,5%) foi parar a esta zona xeográfica. Das 19 beneficiarias, só dúas de Ribeira Sacra e dúas do Ribeiro entraron no reparto co 3’5% restante. Unha vez máis, o único consello regulador que levou algo nesta liña de axudas para a promoción en terceiros países foi Rías Baixas (371.239 €). Despois, coma sempre, as grandes adegas privilexiadas en axudas de Rías Baixas e de Galiza leváronse a maior parte da torta. En concreto, case o 52% dos cartos foron para catro adegas: Martín Códax (172.762 € ao seu nome e 48.048 € a través de Viñas e Adegas Galegas), Terras Gauda (249.961 €), Pazo Pondal (146.663 €) e Adegas Valmiñor (80.143 €).
Posteriormente, o 10 de febreiro, sabiamos da resolución das axudas para investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas (IECPV). As 31 adegas e empresas beneficiadas repartíronse 2.318.839 €, pero as 7 afortunadas que cobraran cantidades de seis díxitos levarán 1.442.788, o 62% dos cartos. Como non podía ser doutra maneira, Martín Códax e Terras Gauda volveron estar entre as agraciadas.
Sumando as tres liñas de subvencións, o podio de 2020 das 15 adegas máis beneficiadas por axudas públicas ao sector vitivinícola levaría case o 50% dos cartos totais (3.225.142 € dun total de 6.658.685 €). Quedaría así:

Se analizamos as listaxes de adegas beneficiadas fóra deste amplo podio, seguen aparecendo vellas coñecidas do acaparamento de axudas vitícolas: Grupo Reboreda-Morgadío (99.899 € a través dunha axuda de 32.599 € para IECPV e outra de 67.300 € para reestruturación a nome de Bodegas Campante SA), Altos de Torona (92.713 € para que o ex-presidente do Celta de Vigo, Horacio Gómez, poida seguir “reestruturando”), Viña Costeira (55.786 € para IECPV, 14.967 € para promoción en terceiros países e 17.716 € para reestruturación. En total, 88.469 €), Pazo Señoráns (Marisol Bueno, ex-presidenta do Consello Regulador de Rías Baixas e ex-deputada do PP, apañará 37.728 € para reestruturación e 44.812 € para promoción en terceiros países; en total, 82.540 €), Adegas Valmiñor (80.143 € para promoción), La Rioja Alta (78.200 € para reestruturación por Lagar de Fornelos, en Rías Baixas), Pazo Blanco Núñez (74.272 €), Bocaleón Ibérica SL (70.946 € para o grupo La Penela, con tres pazos para hostalería e restauración e restaurantes en cidades como A Coruña, Madrid, Barcelona ou Bogotá, ademais de viñedos en Rías Baixas), Grupo Varma da Rioxa (53.594 € para Marqués de Vargas) ou González Byass de Xerez (32.333 €), por citar algúns dos máis coñecidos.
Dende o SLG levamos anos denunciando as regras tramposas da Consellaría de Medio Rural para conceder subvencións no sector vitivinícola e as consecuencias que están a ter. As regras do xogo fan que só grandes adegas e grupos empresariais sexan quen de cumprir todos os requisitos para aprobar grandes proxectos de reestruturación e plantación, quedando fóra do reparto a maioría dos viticultores e viticultoras ademais das pequenas adegas.
Isto está a favorecer a concentración cada vez maior da produción de viño e de viñedos en menos mans. De seguirmos así, nun sector vitícola moi envellecido, a previsión é que a totalidade da produción de viño, dende o acio á botella, fique concentrada nun oligopolio e que as últimas explotacións vitícolas e pequenas adegas fiquen expulsadas do mercado, as primeiras por non ter a quen venderlle a uva e as segundas por non dar competido nin en prezos nin en comercialización contra estes xigantes.
Por iso, dende o SLG volvemos reclamar que a Consellaría se reúna cos axentes do sector para deseñar un reparto de axudas máis equitativo que garanta a continuidade da pequena viticultura e das adegas menos dimensionadas en aras de mantermos un rural vivo, unha distribución da riqueza máis xusta no sector, e a diversidade na quen reside un dos principais activos do noso viño.