Novas

  • Programa Impacto Autónomo 2023: a discriminación das granxas agrávase ante as dificultades para incorporar a súa tributación

    Programa Impacto Autónomo 2023: a discriminación das granxas agrávase ante as dificultades para incorporar a súa tributación

    • 10,Mai 2023
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Como denunciamos a principios de xaneiro, as axudas do Programa Impacto Autónomo 2023 publicadas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade non teñen en conta a realidade das persoas autónomas que realizan actividades agrícolas e gandeiras en Galiza.

    Ademais de chamar a atención sobor dos prexuízos derivados do procedemento de concesión por concorrencia competitiva online -nomeadamente os problemas de conexión á rede no rural galego e á conciliación de horarios-, de xeito previo á apertura do procedemento solicitamos á Xunta de Galicia adecuar o tope de ingresos á realidade gandeira e labrega do noso país revisando a condición ter máis de 10.000 euros de beneficio neto en 2021.

    A negativa da Administración pública a modificar a contía de beneficios mínimos do Programa Impacto Autónomo 2023 tivo como consecuencia deixar fóra ás explotacións de bovino de carne que tributan por módulos en IRPF con ingresos brutos inferiores a 110.000 euros, é dicir, a práctica totalidade do sector na Galiza.

    Agora resulta que as granxas que si cumplían este requisito e puideron acceder a esta prestación estanse atopando cun procedemento que non contempla o tipo de tributación propio da produción agraria, distinta á doutros sectores. Isto está a conlevar que se lles está requerindo nova documentación vía telefónica, sendo desestimada a documentación que realmente demostra que cumpren os requisitos, por exemplo o criterio de facturación mínima acreditado cos certificados de retención das empresas que realizan a recollida do leite. Neste senso hai que ter en conta que o feito de presentar novos documentos significaría que o expedente se consideraría completo na data de presentación da última documentación e pasaría á cola, correndo o risco de non entrar por falta de fondos. Xa nestes momentos, estas anomalías están a provocar retrasos na tramitacións e polo dagora moi poucas aprobacións, até o momento de persoas físcas, ningunha de sociedades.

    Son reiteradas as ocasións nas que dende o SLG-CCLL alertamos da tendencia da Xunta de Galicia a poñer trabas que dificultan ou directamente impiden o acceso das pequenas e medianas granxas, o tecido produtor de alimentos maioritario no noso país, ás axudas públicas. No caso das axudas ás explotacións de carne vinculadas á crise da COVID-19, o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmou esta discriminación.

    Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas esiximos á Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade que subsane as eivas de tramitación que están privando ás granxas dunha prestación á que, atendendo á normativa, teñen pleno dereito, formando de xeito inmediato ao persoal técnico encargado da tramitación da mesma para que podan interpretar correctamente a realidade económica do sector agrario e as súas especificidades tributarias.