A manifestación tivo dous escenarios: en primeiro lugar, a Consellaría de Medio Rural para denunciar a pasividade da Administración diante desta crise; e, en segundo lugar, o Carrefour das Cancelas, para sinalar unha das principais responsábeis da crise: as grandes cadeas de distribución.
Precisamente, unha das principais causas da caída de prezos é o control absoluto que exercen as grandes distribuidoras na cadea de valor e a utilización da carne de coello como produto reclamo. Sen ir máis lonxe, Carrefour chegou a vender o coello a 2’45 € o quilo. Se temos en conta que, normalmente, entre o punto de venda e a granxa hai como mínimo un intermediario -os matadoiros-, e se o supermercado conserva intacta a súa marxe de ganancias porque é quen marca o prezo final, entón quen acaban perdendo son os elos máis febles da cadea: os produtores e produtoras, xa que os matadoiros tamén teñen unha posición forte ao beneficiarse no Estado Español dunha situación de oligopolio; só HERMI controla o 24% da produción.
En declaracións aos medios de comunicación, o produtor e representante do Sindicato Labrego Galego e de COAG na Interprofesional Cunícola (Intercun), Xosé Luís Santaclara, denunciou que, cando remate este 2015 negro, as perdas por coella en cada granxa ascenderán a 30 €. Iso supón que unha explotación media de 1.000 coellas a perda anual será de 30.000 euros. Isto non fará máis que empeorar unha situación crítica que, dende 2009, implicou o peche do 26’42% das granxas galegas. Actualmente, Galiza é a segunda produtora de coello de España, producindo máis de 14.000 toneladas de carne ao ano, o que supón o 22% do Estado. En total, aínda seguen en activo 276 explotacións cunícolas, con 756.350 cabezas e un valor estimado da súa produción de 28,5 millóns de euros.
Xosé Luís Santaclara, acompañado dos representantes da Confederación Nacional de Cunicultures e UUAA, rexistrou na Xunta un escrito dirixido á Consellaría de Medio Rural coa seguinte táboa reivindicativa:
Posteriormente, os produtores e produtoras que acudiron á concentración diante da Consellaría de Medio Rural, marcharon até o centro comercial das Cancelas para denunciar a posición de abuso e dominio de grandes distribuidoras como Carrefour na cadea de valor e repartir panfletos entre a súa clientela. De seguir a situación como na actualidade, o sector cunícola está disposto a emprender un calendario de mobilizacións centrado nas grandes superficies comerciais.