O pasado 18 de novembro, o Sindicato Labrego Galego convocou unha mobilización en defensa do dereito á negociación colectiva dos prezos para os produtos agrarios.
Como xa é sabido o Sindicato Labrego Galego negouse a asinar o contrato homologado para o leite, e posteriormente o da pataca, por non haber prezo mínimo para poñer no contrato.
No contrato do leite, na cláusula do prezo, dise, “o prezo será o que acorden libremente vendedor e comprador”. O de “libremente” é unha farsa, todo o mundo sabe que son as empresas as que impoñen absolutamente todo.
No tocante aos prezos de mercado: outra farsa. Os prezos de mercado márcanos industrias e distribución co único criterio de gañar máis e apoiar a industrialización do proceso de produción de alimentos. Aquí quen sempre perde son labregas e labregos e o conxunto da cidadanía. O SLG defende o establecemento de prezos mínimos que cubran custos e traballo.
O dereito á negociación colectiva dos prezos e que estes inclúan custos e traballo de produción é fundamental para manter a agricultura e a alimentación nas mans da cidadanía e fóra do control das multinacionais.