O ano 2009 tennos mostrado a amplitude das dificultades ás que se enfrontan as labregas e os labregos europeos. O sector leiteiro non é o único en crise, e os ingresos agrícolas caeron en case todos os sectores.
A pesar de todo isto, a Unión Europea (UE) non parece disposta a cambiar a política neoliberal que globalizou a nosa agricultura e a nosa alimentación. Tanto produtoras/es como consumidoras/es son as/os grandes perdedoras/es, mentres aumentan os beneficios da agro-industria e as grandes distribuidoras. Se a UE non actúa, a agricultura europea correrá un serio perigo, o que suporía unha catástrofe social e medio ambiental. Sen labregos/as, quen vai alimentar a poboación?. O fracaso de Copenhague demostra que os gobernos son miopes. Como agricultoras/es europeas/os que somos, necesitamos implicar ao meirande número posíbel de aliados dentro da sociedade para defender unha nova política agraria e alimentaria. O 2010 debe ser o ano dun amplo debate público dentro da UE para que sexan re-definidas as prioridades da política agrícola e alimentaria que se vai aplicar a partir do 2013, antes de que se decidan os orzamentos da UE para ese período.
Garantir o acceso aos alimentos para todas/os é un reto a nivel mundial na actualidade e seráo durante as próximas décadas1. A agricultura labrega é recoñecida hoxe en día como a que mellor pode responder a este reto2. Sen embargo, as políticas agrícolas e a OMC desaténdena, en beneficio das grandes explotacións industriais. O reto non é tecnolóxico, senón que se trata dunha cuestión de acceso á produción agrícola e de acceso aos alimentos.
Responder ao reto do emprego: máis agricultores/as e máis emprego no medio rural para alimentar a Europa. Co paro en aumento por toda Europa, a UE non pode permitirse seguir destruíndo as súas explotacións3 e os seus empregos rurais. Para manter aos labregos e labregas actuais e axudar a outros/as a establecerse, ten que dárselle á produción agrícola o recoñecemento económico e social que perdeu coa PAC actual.
Diminuír o quecemento global e conservar a biodiversidade. Debe cortarse a industrialización da produción agrícola e gandeira. As prácticas agrícolas e as formas de produción que son favorábeis ao clima e á biodiversidade son coñecidas. Poñelas en práctica supón romper co modelo actual.
2. Como responde a soberanía alimentaria a estes retos?
A soberanía alimentaria outorga aos pobos e á UE o dereito a definir a súa política agrícola e alimentaria a partir das necesidades da poboación e o seu medio ambiente, e non a partir das regras do comercio internacional inscritas na ideoloxía do libre comercio. Por exemplo, correspóndelle á UE prohibir o cultivo e a importación de OXM (transxénicos)4se a súa cidadanía non os quere, sen que a OMC (Organizacion Mundial do Comercio) poida impedilo. É a UE quen debe decidir pasar do actual déficit do 75% nas proteínas vexetais -para alimentar ao seu gando- á autonomía. Este é un paso totalmente realizable coas nosas superficies agrícolas, e indispensable, sabendo o que está en xogo desde un punto de vista medio ambiental. Para iso, é necesario volver a avaliar o acordo da OMC de 1994.
A soberanía alimentaria establece para a agricultura a prioridade de producir para alimentar á poboación, en lugar de producir para o comercio internacional. A UE, que se converteu no maior importador e á vez no principal exportador de produtos alimentarios, debe por tanto revisar a fondo as súas prioridades. Exportar leite en po á vez que se importa soia para alimentar ás vacas, producir as nosas froitas e verduras -mesmo as ecolóxicas- en países do Sur porque a man de obra alí é máis barata… todo iso arrástranos ao calexón sen saída social e ambiental no que nos atopamos agora. A soberanía alimentaria, pola contra, volve situar a produción agrícola preto dos consumidores e consumidoras.
A soberanía alimentaria, ao situar ás labregas e labregos nun rol central na alimentación da xente do seu país e da súa área xeográfica mais próxima, outórgalles un sentido e unha lexitimidade social que a PAC actual a miúdo lles negou. A soberanía alimentaria de feito oponse á concentración actual do poder sobre a alimentación que está en mans da industria e as grandes distribuidoras. Correspóndelle ao poder político, por exemplo á UE, regular a produción, os mercados e a distribución tendo en conta a todos os actores da cadea alimentaria. Tamén é responsabilidade das/os produtoras/es e das/os consumidoras/es acurtar esta cadea, pondo en práctica fórmulas de comercialización máis directa, cada vez máis frecuentes, que deberían ser fomentadas pola política agrícola e alimentaria (PAAC). Deberán adaptarse as normas sanitarias, hoxe industriais, para os produtos elaborados nas explotacións agrarias.
Non hai que confundirse: a soberanía alimentaria non é autarquía, nin un peche das fronteiras. Tampouco se opón aos intercambios internacionais: cada rexión do mundo ten produtos específicos cos que pode comerciar; pero a seguridade alimentaria é demasiado importante como para permitir que dependa das importacións. En cada rexión do mundo, a alimentación básica debe ser producida localmente, sempre que sexa posible. Cada rexión debe por tanto ter o dereito de protexerse das importacións a baixo prezo que arruínen a súa propia produción.
A soberanía alimentaria non só implica un dereito, senón tamén un deber: o de non prexudicar ás economías agrícolas e alimentarias doutras rexións do mundo. Todo dumping, é dicir, toda axuda que permita exportar a un prezo inferior ao custo de produción5, debe prohibirse. Isto debería aplicarse tanto ás axudas á exportación como aos pagos únicos, cando estes signifiquen vender ou exportar a un prezo inferior ao custo de produción.
A soberanía alimentaria non só se ocupa de alimentar á poboación actual, senón tamén ás xeracións futuras, e por tanto a conservación dos recursos naturais e o medio ambiente. É por iso que debe desenvolver modos de produción agrícola que diminúan as emisións de gases de efecto invernadoiro e favorezan a biodiversidade e a saúde. Diminuíndo a necesidade de transporte e cambiando os modos de produción demasiado intensivos, abórdanse directamente os retos climáticos e ambientais.
Ao redor da soberanía alimentaria poden confluír en Europa quen traballa no cambio da política agrícola e alimentaria, e quen traballa nunha re-localización do sistema alimentario. Esta confluencia poderá influenciar a orientación da futura política agrícola.
3. Unha nova PAAC que abra camiños aos actuais camiños sen saída6.
Os nosos obxectivos:
Manter e desenvolver unha agricultura labrega social e sustentábel que alimente á poboación, preserve o medio ambiente e a saúde e manteña paisaxes rurais vivos. Para iso as/os labregas/os deben poder vivir principalmente da venda dos seus produtos, grazas a uns prezos agrícolas estables e remuneradores. É unha condición indispensable para o seu recoñecemento económico, e para así atraer ás persoas novas a esta profesión.
Reservar o apoio público aos métodos de produción e ás explotacións que son beneficiosas para o emprego e o medio ambiente.
Re-localizar o máis posíbel a alimentación e cortar o dominio da gran distribución e a industria sobre a cadea alimentaria.
As nosas prioridades:
1ª.- Renda, prezos agrícolas: prezos agrícolas remuneradores e estábeis implican:
O control da produción e a regulación dos mercados agrícolas, a transparencia ao longo de toda a cadea alimentaria, e a limitación das marxes de beneficios da transformación e da distribución. Deben establecerse prezos agrícolas mínimos para facer fronte aos excedentes de produción que poidan derivarse das variacións climáticas.
O dereito a protexerse das importacións a prezos baixos, incluídos os pensos animais, así como acabar co dumping para a exportación, con todas as súas formas actuais7. O nivel variable de protección arancelaria debe estar ligado ao custo de produción europeo8.
Pagos directos, con máximos por activo agrícola, serán establecidos, por unha banda ás pequenas explotacións que xustifican un papel social e medio ambiental9, e por outra banda ás explotacións sustentables das rexións desfavorecidas agro-climaticamente, que teñen gastos de produción máis elevados que as referencias elixidas no punto precedente.
Os asalariados agrícolas, europeos ou inmigrantes, benefícianse dos mesmos dereitos. Os Estados están obrigados a fixar un salario mínimo.
2ª.- Medio ambiente: Todas as explotacións deben respectar normas de produción que economicen enerxía, insumos químicos, auga, emisións de carbono e que favorezan a biodiversidade e a saúde. Deben outorgarse primas ás explotacións que vaian máis aló das normas a nivel ambiental e social (como a agroecoloxía a pequena escala). Por exemplo, deben promoverse e apoiarse as prácticas agronómicas que aumentan a taxa de materia orgánica no chan, que reteñen carbono e permiten a fertilidade a longo prazo. A investigación e a formación deben orientarse neste sentido.
3ª.- Medidas a nivel europeo e nacional que faciliten o acceso á terra e a incorporación á actividade agraria, permitindo a un maior número de mozas e mozos facerse labregas/os. A concentración e a urbanización das terras agrícolas suprimirase.
4ª.- Debe establecerse unha política de desenvolvemento rural que complemente as medidas anteriores. Tal política debe dar prioridade ao emprego rural, ao equilibrio xeográfico das producións, ao comercio local e aos servizos de proximidade.
5ª.- As regras actuais do comercio agrícola internacional10 deben cuestionarse. A Rolda de Doha da OMC e os acordos de “libre” comercio da UE con países terceiros deben abandonarse. Imponse a necesidade dunha nova gobernabilidade alimentaria mundial, con novas regras de comercio internacional, baseadas na soberanía alimentaria e o dereito á alimentación.
6ª.- A produción ou importación de OXM en agricultura e alimentación animal deben ser prohibidos. Fomentarase a utilización, o intercambio e a reprodución de sementes labregas.
7ª.- A UE deixará de apoiar o uso e o cultivo dos agro-combustíbeis industriais. A súa pegada enerxética é demasiado deficiente, e a súa produción compite coas superficies agrícolas dedicadas á alimentación. Mais pode reforzarse a autonomía enerxética das explotacións utilizando aceite puro obtido a través do prensado de plantas oleaxinosas cultivadas na mesma granxa ou nas veciñas.
1 Sen esquecer que 40 millóns de pobres en Europa non teñen suficiente para comer.
2 Ver o informe IAASTD – http://www.agassessment.org/
3 Pequenas e medinas explotacións e tamén grandes explotacións (de leite p.ex.) desaparecen.
4 Os OXM son inútiles, ademais de perigosos para a biodiversidade e a saúde, especialmente polos pesticidas asociados.
5 Ao contrario do que define a OMC/OCDE, quen defende a exportación a un prezo inferior que o prezo ao que se vende no país exportador, o cal xustificou a baixada de prezos agrícolas na UE desde 1992, substituídos por pagos desaxustados, intocables para a OMC!!
6 Os conceptos ligados ao marco da OMC como o desacoplamento, o primeiro/segundo alicerce,… desaparecen.
7 Axudas á exportación e pagos únicos do primeiro e segundo piar aos produtos exportados.
8 Nivel a debater: rexión máis favorecida, nivel medio, mediana. O custo de produción inclúe o traballo de produción.
9 Criterios a definir a nivel de cada Estado membro?
10 Acordo da OMC de 1994.