Para ilustrar a súa denuncia presentaron unha infografía na que se recollen os datos que a Xunta de Galiza non contempla na súa propaganda e que evidencian o estado no que se atopa realmente o rural e os montes galegos.
Así subliñaron que hai xa 500.000 hectáreas de eucaliptais, das que 300.000 están ocupando terras agrarias. Unha especie pirófita que no Plan Forestal que está a revisar a Xunta se pretende promover aínda máis coa ocupación doutras 35.000 ha.
Por iso reclamaron, entre outras cuestións, que as administracións galega e estatal aposten por unha planificación para o monte galego que teña en conta “o actual contexto de perda acelerada de biodiversidade e dos efectos do cambio climático e, que non se use isto como escusa para seguir potenciando as repoboacións con eucaliptos e outras especies invasoras”.
Xunto a isto demandaron o peche do ciclo produtivo da madeira en Galiza de xeito que -cunha regulación do monte axeitada, que favoreza a biodiversidade, mais permita a explotación forestal ordenada- “se recupere o tecido industrial que se dedicaba aos aproveitamentos forestais, algo que permitiría a recuperación de postos de traballo e a fixación de poboación no rural”.
Sobre a mesa puxeron ademais propostas concretas como a demanda dunha moratoria indefinida para novos plantíos de Eucalyptuse prohibición na RGEP (Rede Galega de Espazos Protexidos); a prohibición das novas plantacións de Eucalyptusnitens e de repoboacións con robinias, acacias, pawlonia e bambús, e outras especies invasoras e a erradicación destas na RGEP.
Ademais reclamaron un programa de redución progresiva da superficie ocupada por eucaliptos e doutras especies exóticas invasoras presentes no monte galego: robinias, ailantos, cortaderias, calas, hortensias, bambús, crocosmias e outro de eliminación das plantacións ilegais en terras agrarias e bosques autóctonos.
Isto xunto á modificación do “Decreto 163/2014 para a compensación e absorción de dióxido de carbono a través de masas forestais” para excluír as masas de eucalipto e doutras especies exótica invasoras como sumidoiros de carbono; evitar as repoboacións forestais sobre terreos queimados; limitar as quendas de corta a un mínimo de 30 anos e introducir variantes de carácter social e ambiental na valoración dos proxectos.
A plataforma denunciou, ademais, as políticas que, desde a Xunta de Galiza, promoveron o abandono do rural. Políticas que provocaron que nos últimos anos se teñan abandonado até 30.000 explotacións gandeiras, no canto de promover o pastoreo e a gandería extensiva como elemento natural de roza e prevención de incendios.
As/os representantes de “Por un monte galego con futuro” rexeitaron as inxentes cantidades de fondos públicos destinadas á “industria do lume” en Galiza, mentres que hai “cero efectivos facendo labores de prevención todo o ano”.
Labores de prevención que a Xunta de Galiza fai recaer sobre os concellos, mentres elude establecer unha planificación e políticas que favorezan realmente esa prevención fronte os incendios forestais como “a creación dunha lei de ordenación dos usos das terras que permita a multifuncionalidade do monte”.
Xunto a isto propuxeron a recuperación dos 100 m de anchura para as redes secundarias de xestión da biomasa na loita contra os lumes, favorecendo alternativas multifuncionais para estas franxas de seguridade; a xestión da biomasa nas franxas secundarias e terciarias farase con recursos públicos, agás nos casos nos que os/as titulares das vivendas construísen estes inmobles fóra do ordenamento xurídico ou a ruptura das masas monoespecíficas con faixas de separación de 100m por cada 50ha de eucaliptos, e de 50m por cada 50ha de piñeiros.
Tamén demandaron o incremento das distancias das plantacións forestais a terras de cultivo, ríos, zonas habitadas, vías de comunicación…; o establecemento dun perímetro de exclusión de 25 m das plantacións forestais aos xacementos arqueolóxicos, e nos seguintes 25 metros un marco mínimo de plantación de 6×6 arredor destes elementos.
Para a plataforma os plans de prevención de incendios deben elaborarse a nivel de Distrito, facendo os Concellos as adaptacións territoriais necesarias e o PLADIGA ten que ser de carácter anual, aprobarase no último trimestre do ano anterior ao de aplicación e establecer obxectivos claros de prevención dos incendios forestais.
Para iso, apostan pola creación dun único servizo público, profesional e adecuadamente formado de prevención e extinción de incendios.