Samah Abu Naam é representante da Unión de Comités de Traballo Agrícola (UAWC) de Palestina. Como presidenta dunha cooperativa de mulleres, Samah traballa na produción de alimentos ecolóxicos xunto con dezasete mulleres máis, con quen desenvolve labores de sensibilización, formación e ofrece recursos e ferramentas para que as palestinas poidan incorporarse ao mundo laboral a pesar da ocupación.
Battir (na gobernación de Belén), situado entre vales de cultivo de oliveiras e viñas en terrazas escalonadas, é a aldea co sistema de rego máis antigo do mundo. A súa beleza paisaxística e cultural foi recoñecida pola Unesco en 2014, declarándoa patrimonio da humanidade.
É aquí, en Battir, onde naceu Samah. Cóntanos de primeira man como a xestión da auga, mediante unha complexa rede de mananciais, canles e terrazas, foi fundamental para soster a vida na Palestina, a pesar da ocupación e a usurpación israelís.
Samah cativou coa súa coraxe e enteireza no encontro da Escola Feminista da Vía Campesina, que tivo lugar a finais do pasado mes de setembro en Vilarmaior (Galiza), coincidindo cos bombardeos continuos que perpetra o estado de Israel no Líbano, cobrándose a vida de máis de cincocentas persoas en apenas unhas horas, incluíndo ao líder do partido Hezbolá, Hassan Nashrala, icona da resistencia para o pobo palestino.
No encontro falounos da importancia do labor da Unión de Comités de Traballo Agrícola (UAWC), organización integrante da Vía Campesina, que ofrece servizos a milleiros de labregos e labregas e conduce a restauración de terras e cultivos para protexelas da confiscación israelí, ademais de ser unha asociación gardiá de sementes en Palestina.
O papel das mulleres na educación, o campo e nos procesos de resistencia, lémbranos Samah, é fundamental para facer fronte á ocupación israelí. Un deles é a colleita da oliva, que se dá estas semanas e que representa unha das actividades máis tradicionais e importantes do pobo palestino, e que actualmente se atopa en situación de risco debido aos continuos ataques e violencias que sofren por parte dos soldados do exército de Israel.
Para os movementos e organizacións agrarias palestinas, a defensa da auga é clave para a vida e os seus cultivos. «Como sabemos, unha das consecuencias máis devastadoras é o impacto das políticas discriminatorias de Israel no acceso da poboación palestina a subministracións axeitadas de auga», afirma Samah. Ten moi claro que o camiño para preservar a identidade e autonomía en Palestina é promover a soberanía alimentaria, a agroecoloxía e o uso das sementes locais.
Como empezou a túa loita pola defensa do agro en Palestina?
Coñecín á Unión dos Comités de Traballo Agrícola (UAWC) a través da Unión de Comités de Mulleres Palestinas. Ingresei na UAWC en 2016 como voluntaria. Posteriormente, traballei no Comité de Mulleres como coordinadora de proxectos xunto con diferentes cooperativas de mulleres. Daí, comecei a elaborar propostas en Battir co obxectivo de crear emprego para as mulleres. Moitas delas, formadas, licenciadas e en situación de desemprego porque non puideron atopar traballo na función pública. As condicións en Palestina son difíciles por mor da ocupación continua. Aínda así, levamos desde 2014 traballando con mulleres para a produción de alimentos ecolóxicos. Así estivemos durante seis anos, pero sen formar unha asociación recoñecida.
Finalmente puidestes legalizala, con que apoio contades?
Xa en 2020, tras oCOVID-19, o mundo, como sabemos, parouse, pero nós seguimos grazas ao apoio da UAWC. Isto propiciou que se reforzase nosa cooperativa, dándonos a autorización para crear, de forma oficial e legal, a asociación. Tentan sempre apoiar o desenvolvemento económico de pequenas organizacións de mulleres, en contraposición ao sistema neoliberal e a privatización. A UAWC fai un esforzo enorme para consolidar a resistencia do campesiñado, defender e protexer as súas terras. Ás pequenas organizacións ofrécenos a oportunidade de presentar proxectos para que as mulleres labregas poidan ter ingresos e aliviar un pouco a súa situación, sobre todo nas campañas de colleitas da oliva. Apoia a nosa presenza nas terras e proporciónanos todos os materiais necesarios: abonos, ferramentas, equipos de traballo… Ademais, a UAWC ten un banco de sementes locais co fin de conservar e salvagardar a seguridade e a soberanía alimentaria nesta rexión. Utilizámolas na súa tempada e na estación que requiren. E tamén nos ofrecen todo o necesario para plantar e asegurar o desenvolvemento, a durabilidade e sustentabilidade dos cultivos de emerxencia (en tempada de perigo), para garantir que saian adiante.
Que papel teñen as mulleres na conservación da identidade campesiña?
A muller é socia e traballa a carón do home, de xeito conxunto, na produción, a colleita e no traballo integral da terra e en todas as etapas da agricultura. Ten un papel importante, sobre todo na educación, ademais do traballo nos seus fogares. Ocúpase das terras e agora, por exemplo, na tempada da colleita da oliva, toda a familia trasládase ao campo, desde os máis pequenos ata os máis maiores, para apoiar nos labores labregos.
Isto é o que chamades sumud?
Si, sumud é a resistencia mediante o traballo da terra como forma de loita contra a ocupación. Un exemplo diso é a colleita da oliva, que é sagrada. Considerámolo como unhas «xornadas nacionais», porque é a única forma que temos de salvagardar, ocupar, resistir e existir nas nosas terras.
Cal é a relación que ten Palestina coa auga?
Ai, a auga! As fontes, os pozos, os mananciais representan a vida. Os cinco mil habitantes de Battir poderían ter todo o acceso a estas fontes naturais, pero Palestina é vítima da violación do ocupante, que nos rouba o noso ben máis prezado. Está a secar e sacando a auga dos nosos pozos e desvíaa aos seus campos co fin de debilitar os nosos proxectos agrícolas.
Quería falar dunha anécdota que me ocorreu. Como sabedes, Palestina é unha zona litoral. A maioría das cidades están bañadas polo Mediterráneo, temos o paso do río Jordán por Samaria, ademais do mar Morto. Estamos rodeados de auga por todas partes. Pero os israelís impídennos acceder a ela, xa sexa a do mar ou a dos ríos.
Antes de vir, hai unha semana, díxenlle a un colega español, que traballa nunha organización en Xerusalén, que ía a Galicia. Díxome que comería moi ben. Pregunteille que en que difería da comida palestina. Respondeume que comería moi bo peixe, e preguntoume se nós tiñamos. Claro!, díxenlle, en Palestina temos unha gran variedade de peixes, e en case todas as rexións, pero o ocupante privounos de gozar e comer o noso peixe. E agora que o penso: levo aquí xa catro días, e aínda non probei ningún peixe! [ri].
Como afecta a agroindustria alimentaria israelí en Palestina?
Os israelís venden a moi baixo prezo, mentres que o produto palestino non pode venderse a baixo prezo debido aos impostos e ao custo de manufacturación. Non podemos competir co produto israelí: nin polos nosos altos custos de produción, nin polos elevados impostos que impoñen aos nosos produtos. Se quero producir calquera cousa e pasa dunha cidade a outra, teño que pagar impostos, xa sexa para consumo interno ou para fose. Esta alza dos prezos impide que o noso produto permee no mercado.
Aínda que cultivemos produtos ecolóxicos e utilicemos sementes autóctonas, os israelís empregan técnicas en invernadoiros, utilizan sementes modificadas xeneticamente, non saudables, pero con maior capacidade de produción, polo que se fai imposible competir con eles.
Fronte á ocupación, os obstáculos que impón o estado de Israel, o xenocidio en Gaza… Como vive a dimensión emocional o pobo palestino?
Vivimos en constante tristeza, nunha humillación e opresión continua. Non hai día en que non nos afecte a situación en que vive o noso pobo. En Palestina non hai ningunha casa onde non haxa unha vítima e sufrimento froito da ocupación e os malos tratos ao que nos teñen sometidas. Hai 37 anos destruíron a casa dos meus pais, hai un ano que encarceraron ao meu sobriño; moitas amigas miñas están tamén encarceradas; as amigas da miña filla están no cárcere. Xa non hai sitio para máis feridas. Somos todos futuros mártires. Vivir todo o tempo coa sensación de que en calquera momento poderías morrer non é sinxelo e faise demasiado duro. Os nervios, a tristeza, a presión psicolóxica que sufrimos faise inaguantable.
Falas de varios encarceramentos a mulleres: como o vivides? Sentídesvos acompañadas dalgún xeito?
Desde o 7 de outubro houbo un aumento exponencial de persoas encarceradas. Ademais, suspenderon os xuízos, restrinxen visitas e impiden calquera contacto familiar. Tristemente, temos moitos exemplos, como o da activista e histórica feminista, Khalida Jarrar, de quen puiden ter noticias sobre as míseras condicións ás que é sometida no cárcere. Nunha detención anterior, na que estivo máis de cinco anos encarcerada, perdeu á súa filla, sen darlle a posibilidade de despedirse dela.
Hai persoas da UAWC que están encarceradas e viven en celas dun metro e medio cadrado, totalmente illadas. Négaselles a liberdade a moitas persoas encarceradas por loitar contra a ocupación israelí. Os familiares levan máis dun ano sen saber nada deles. Temos constancia de que sofren vexacións e malos tratos nas prisións.. Menos mal que os avogados (os únicos que poden visitarlles) dinnos en que cárceres están e, máis ou menos, podemos facer un seguimento.
Que mensaxe che gustaría enviar ás persoas que descoñecen a situación cotiá de Palestina?
Só queremos vivir en paz, ter unha vida digna, lonxe da ocupación, do xenocidio. Soñamos con esquecer a guerra, levar unha vida normal, igual que quere todo o mundo. Soño con ver aos nenos e nenas volver ás escolas, ás mulleres libres, que a xente volva ao campo e cultivar.
Que pare a destrución na Franxa de Gaza, nos campamentos de Nablus, de Jenin e doutros tantos. Non podemos seguir sendo sometidos a tanta crueldade, violencia e ameazas. Soño con que a miña familia viva en paz, con que Palestina enteira sexa libre.
Tradución ao galego da entrevista realizada por Amal O Mohammadiane Tarbift, orixinalmente publicada pola Revista Soberanía Alimentaria, dispoñíbel neste enlace: https://www.soberaniaalimentaria.info/otros-documentos/luchas/1154-el-trabajo-en-la-tierra-es-una-forma-de-resistencia-y-lucha-contra-la-ocupacion
E en castelán na web da Coordenadora Europea Vía Campesina: https://viacampesina.org/es/palestina-el-trabajo-en-la-tierra-es-una-forma-de-resistencia-y-lucha-contra-la-ocupacion/