Novas

  • Os atrancos para votar por correo nas eleccións a consellos reguladores compromete o dereito ao voto

    Os atrancos para votar por correo nas eleccións a consellos reguladores compromete o dereito ao voto

    • 19,Xuñ 2017
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Así as cousas, non se entende que para solicitar o dereito a votar por correo sexa obrigatorio acudir á sede do consello regulador, pois no caso das IXP e das DOs de ámbito galego -como Queixo Tetilla (Boqueixón), Craega (Monforte) ou Mel de Galicia (Boqueixón)- ou de áreas xeográficas amplas, como Pataca de Galicia (sede en Xinzo, con subzonas na Limia, Terra Chá-A Mariña, Lemos ou Bergantiños) ou Queixo Arzúa-Ulloa (con sede en Melide e unha área que vai de Chantada á Estrada e de Curtis e Mesía a Rodeiro e Lalín), obrigaría a facer grandes desprazamentos ás persoas interesadas.

    Ademais, se a persoa que quere votar non pode solicitar o voto por correo en persoa, debe autorizar a un/ha representante mediante un documento autenticado nunha notaría, co custe que isto representa.

    Imaxinemos unha persoa inscrita no Craega que resida en Tomiño ou en Muxía e se teña que desprazar a Monforte de Lemos só para solicitar o voto por correo; ou nunha produtora de pataca de Coristancto ou Ribadeo que teña que viaxar a Xinzo para facer o mesmo. Pensemos que esa mesma persoa ten que designar un representante quen lle ten que obrigar a facer esa viaxe, previo paso por unha notaría. O normal é que esa persoa decida non votar para aforrarse gastos e problemas.

    Dende o Sindicato Labrego Galego consideramos que esta normativa (Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e o seus consellos reguladores) é profundamente antidemocrática e obrigará a centos de labregos e labregas a renunciar ao seu dereito ao voto.

    Por iso, dende o SLG instamos a que a Xunta revise a fondo este decreto, coa participación e consenso dos sectores interesados, de cara a actualizalo e adaptalo á realidade das nosas producións agrarias de calidade. Evidentemente, cumpriría incluír aspectos como habilitar a rede de Oficinas Agrarias Comarcais, ou mesmo as de Correos, para que se poida solicitar nelas o voto por correo; anular obrigas como as de acudir a unha notaría para designar unha persoa como representante para votar; e obrigar a habilitar mesas de votación suficientes e ben distribuídas para garantir a participación naqueles consellos de área xeográfica ampla. Por desgraza, estas eleccións aos consellos reguladores celebraranse obstaculizando, e mesmo impedindo, na práctica, o exercicio do voto a moitas persoas que teñen dereito a exercelo.