Novas

  • O VI Encontro Estatal Intervegas centrarase na auga e na agroecoloxía fronte ao despoboamento

    O VI Encontro Estatal Intervegas centrarase na auga e na agroecoloxía fronte ao despoboamento

    • 03,Nov 2020
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    En principio, o encontro ía desenvolverse de maneira presencial en Almagro (Cidade Real), en Castela A Mancha, rexión na que Terrae ten varios municipios asociados como Miguelturra, Azuqueca de Henares, Alovera e Uceda. De feito, o encontro conta coa colaboración da Xunta de Comunidades de Castela A Mancha, a Deputación de Cidade Real, o Concello de Miguelturra, a asociación de municipios do Campo de Calatrava e a Asociación Aprofem. Está prevista a participación de dous ministros: o de Agricultura, Luís Planas; e a de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera; ademais dos conselleiros castelán manchegos Francisco Martínez (Agricultura) e José Luís Escudero (Desenvolvemento Sostible).

    O papel dos novos modelos de agricultura sostible e xestión da auga e as respostas dende a agroecoloxía diante da crise sanitaria, ambiental e económica serán o centro do debate da primeira sesión deste VI Encontro Estatal Intervegas; mentres que, na segunda sesión, tratarase da loita contra o despoboamento e a recuperación da vida rural no século XXI xunto cun panel de experiencias de éxito. Na xornada final do 12 de novembro, presentaranse os avances na nova Lei de Protección do Solo Agrario que, dende a Plataforma Estatal Intervegas, da que forma parte o Sindicato Labrego Galego, se vén propoñendo e negociando con representantes da administración estatal e das autonómicas.

    Cumprido o prazo de preinscrición, actualmente son máis de cen as persoas inscritas. O encontro poderá seguirse por webstreaming dende a canle de Youtube de Intervegas. Intervegas Castela A Mancha agarda que, trala realización deste evento, se concrete a aprobación do Pacto Intervegas e se amplíe o número de asociacións e entidades da plataforma.

    Cartaz VI Intervegas