Novas

  • O Valedor do Pobo admite a trámite unha queixa do SLG denunciando os abusos da industria láctea

    O Valedor do Pobo admite a trámite unha queixa do SLG denunciando os abusos da industria láctea

    • 04,Xul 2015
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    No escrito presentado polo SLG (achégase un extracto xunto con este comunicado) exponse que, coa liberalización do sector trala fin do sistema de cotas “a industria está a beneficiarse do contexto para obrigar aos gandeiros e ás gandeiras a asinar contratos con prezos absolutamente miserables e que, lonxe de garantir o futuro do sector, abocan a boa parte deste á inviabilidade, co peche de explotacións que iso pode provocar. Os mecanismos de presión son, polo demais, obvios: o máis simple é non recoller o leite se non se aceptan as condicións impostas pola industria. (…) De resultas disto, consta que se está a pagar o litro de leite a prezos de 0,28 ou mesmo 0,26 euros. Mesmo nalgún caso, menos. Cumpriría, sen dúbida, que aumentasen as inspeccións de oficio”.

    Dende que se presentou o escrito no Valedor, a cousa aínda empeorou trala decisión de empresas como Río e Leitigal de deixar de recoller o leite a ducias de granxas, e por ser cada vez máis grande o número de explotacións que se ven na obriga de vender o leite por baixo dos 20 céntimos.

    Tamén denuncia o escrito a pasividade das administracións: “A parálise dos poderes públicos está levando ao establecemento de controis privados da produción. Entendemos que deberían intervir, máis alá doutras consideracións, ante o que a día de hoxe é unha realidade: a ilegalidade de facto dos actuais contratos, chegando a asinarse mesmo con prezos de 0,21 €/litro, a todas luces, por baixo dos custes de produción, que poderían situarse arredor dos 30 céntimos”.

    O escrito remata instando ao Valedor do Pobo que requira á Consellaría de Medio Rural para que informe das actuacións desenvolvidas diante do pagamento de prezos por baixo dos custes de produción, algo prohibido polas leis da competencia; e diante das flagrantes prácticas abusivas da industria. Tamén se lle pedía unha xuntanza, que se celebrou onte, para poder informar persoalmente de toda esta realidade. O documento rexistrado polo SLG completábase con documentación referente a contratos para demostrar os feitos denunciados.

    Ademais, na xuntanza do venres, Isabel Vilalba e Xosé Pérez Rei fixéronlle ver ao secretario xeral do Valedor do Pobo a necesidade que articular no sector lácteo un sistema de mediación pública, gratuíta e eficaz que garanta que as cláusulas dos contratos non sexan unha imposición unilateral da industria, como acontece hoxe en día; e que, en caso de incumprimento das mesmas, se garanta unha resolución imparcial dos conflitos. Cómpre lembrar que, hoxe en día, o meirande dos contratos poñen como órgano para resolver conflitos as cámaras de comercio provinciais -mesmo hai casos nos que se pon a de Madrid- que non son obxectivas e obrigan a pagar unhas taxas e uns aprovisionamentos de fondos inasumibles para calquera granxa. Para complementar o devandito, outra das peticións do SLG foi que se estuden unha serie de parámetros e cláusulas obxectivas para dar contido aos contratos que sirvan para todo o sector, que dean seguridade xurídica á parte produtora, e para que as relacións comerciais entre granxas e industrias non se sigan baseando no ditado unilateral das segundas.

    Finalmente, dende o SLG tamén compartimos a nosa preocupación polos síntomas de deslocalización da produción que se están a advertir na Galiza -como a marcha de Pascual do país- e que, nun prazo non demasiado longo, pode provocar un desmantelamento irreversible da nosa capacidade produtiva e do que, aínda hoxe, é o principal motor económico do noso medio rural.

    Isabel Vilalba