Novas

  • O SLG urxe á conselleira de Medio Rural a convocar unha xuntanza para pór en marcha o PDR 2014-2020 neste 2015

    O SLG urxe á conselleira de Medio Rural a convocar unha xuntanza para pór en marcha o PDR 2014-2020 neste 2015

    • 24,Dec 2014
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Se a conselleira de Medio Rural accede a reunirse co Sindicato Labrego Galego, volveremos presentarlle as nosas alegacións ao PDR que xa lle adiantamos a finais do pasado mes de xullo, sempre orientadas a protexer e xerar emprego no rural, a desenvolver un modelo social de acceso á terra, a promover producións de calidade ou a favorecer a sostibilidade das actividades agrogandeiras. Entre as moitas achegas que xa fixemos, destacamos algunhas que consideramos fundamentais e imprescindibles para manter con vida o noso medio rural:

    • Plan de choque contra o envellecemento dos sectores agrogandeiros: A poboación de profesionais da agricultura na Galiza está moi envellecida, cunha previsión de que o 40% se xubile no período de vixencia do PDR, até 2020. Cómpre apoiar a incorporación, polo menos, de 10.000 mozos e mozas para garantir o relevo xeracional nas granxas.

    • Financiar o incremento da superficie agraria útil (SAU) na Galiza, co obxectivo de acadarmos, como mínimo, o 33% do territorio para esta fin. Actualmente temos só o 21% de SAU fronte a países como Francia que superan o 50%. Esta medida garantiría que as nosas explotacións puidesen facer fronte con máis solvencia ao crecente incremento dos custes enerxéticos ou de insumos, como a alimentación animal.

    • Crear liñas de apoio para apoiar os sectores produtivos en crise, cunha especial atención no lácteo, que leva un ano encaixando unha constante caída dos prezos e se enfrontará, a partir do 1 de abril, á fin do sistema de cotas.

    • No fomento de medidas agroambientais, dende o SLG propoñemos a creación dunha axuda mínima ás pequenas explotacións con compromisos adicionais de sustentabilidade. Trataríase de introducir unha nova liña de axudas a pequenas explotacións en mans de persoas en activo que ocupen unha UTA (Unidade de Traballo Agrario) pola súa enorme importancia no tecido socio-económico do rural galego e polo seu papel indispensable na mantenza e estruturación do noso territorio e do medio ambiente. En concreto, dende o SLG pedimos que a estas explotacións teñan un complemento que, sumado ás axudas da PAC, lles supoña un ingreso de 3.000 €; ou que teñan dereito a esa cantidade as explotacións que non reciben cartos da PAC. Tamén é imprescindible un plan de apoio directo ás explotacións ecolóxicas polas razóns devanditas.

    • De cara a apoiar as zonas máis desfavorecidas do noso medio rural, a Indemnización Compensatoria de Montaña (ICM) debería ser, como mínimo, de 215 euros por hectárea. O pago mínimo noutras áreas con limitacións naturais sería de 129 euros. Estes pagamentos deberían ser prioritarios sobre outras liñas do PDR e estar garantida a súa dotación orzamentaria, pois estas granxas son as máis vulnerables e, en amplas zonas do noso rural, o único medio de vida posible.

    Dende o Sindicato Labrego Galego, agardamos que a Consellaría de Medio Rural convoque ao sector e tome boa nota de todas as propostas que lle presentemos para chegar a un consenso e destinar a totalidade dos 890 millóns do PDR 2014-2020 a fomentar verdadeiramente o desenvolvemento rural da Galiza