O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) é unha das 88 organizacións sociais de toda Galiza que xa apoian a quinta manifestación convocada baixo o lema “O pobo galego unido contra a depredación enerxética” nunha área urbana para visibilizar que hai unha oposición social conxunta do rural e das cidades para defendérmonos dos constantes ataques e ameazas de espolio de recursos naturais e destrución medioambiental da Xunta de Galicia en connivencia con determinados entramados empresariais.
A primeira destas mobilizacións tivo lugar en setembro do 2022 na Coruña, seguida en xaneiro do 2023 por Vigo, Lugo en maio, Ferrol en novembro e este vindeiro domingo 28 de abril, da man da coordenadora local Contra Vento e Maré, na cidade do Lérez, que conta cun importante número de proxectos industriais eólicos solicitados na súa contorna, como no Monte da Fracha, montes de Xeve e Verducido…, ademais da polémica fábrica de celulosa Ence, actualmente en funcionamento logo de que o presidente Rajoy en funcións lle ampliara o permiso concedido no seu momento polo ditador militar Franco no medio de importantes protestas sociais, que remataron ca detención de catorce mulleres o 10 de febreiro do ano 1959.
Reducir inda máis a mínima superficie agraria útil que temos na Galiza -a máis pequena de todo o Estado- para construír fábricas no medio rural; dinamitar patrimonio arqueolóxico, como vinos no Acibal co polígono industrial da empresa Norvento; destruír mananciais de auga debido á construción de aeroxeradores nos montes; degradar e contaminar unha contorna de alomenos 30km, como acontecería de instalarse a macropapeleira Altri-Greenalia ou explotacións mineiras que non cumpren os mínimos requisitos para valorar o seu impacto ambiental son perigos para a nosa saúde e a do medioambiente que teñen varios aspectos en común.
Un deles é estratéxico, como destacou recentemente Margarida Prieto Ledo, Responsábel da Loita contra o Acaparamento de Terras no SLG, durante a súa intervención durante un acto divulgativo en Lugo: “a medida que a poboación nos imos organizando para defender os nosos dereitos, a Xunta de Galicia altera a lexislación para poñer todo tipo de trabas e impedimentos á cidadanía, ao tempo que facilita dun xeito absolutamente escandaloso a instalación de todo tipo de proxectos industriais no medio rural”.
A través do que dende a cidadanía identificamos como “Leis de depredación”, tales como a 5/2017 de Fomento e da Implantación de Iniciativas Empresariais en Galicia, a Lei 9/2021 de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia ou a Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia (2023), o Partido Popular, dende a súa posición na Administración pública, restrinxiu o tempo de exposición pública destes proxectos, dunha significativa complexidade técnica, dificultando que a cidadanía poda informarse, ou comprendelos en profundidade, ou buscar asesoramento técnico para defenderse; tamén diluíu os condicionantes de carácter medioambiental e limitou a posibilidade de presentar alegacións.
En alarmante contraste con todas estas trabas, para as empresas que presentan estes proxectos todo son facilidades e simplificacións para acelerar a súa tramitación. O PP de Galicia estableceu a categoría de “proxecto estratéxico”, que implica que o beneficio económico de entidades privadas está por riba dos dereitos humanos, sociais e, por suposto, tamén patrimoniais -é habitual que a Xunta ameace á poboación galega con expropiarlle terras e propiedades para poñelas ao servizo de determinadas empresas-.
Até o dagora o único xeito que temos para defendernos desta violencia estrutural están a ser as mobilizacións, as alegacións e a vía xudicial, como vemos por exemplo no caso da invasión eólica, onde a inmensa maioría das denuncias polas irregularidades destes polígonos industriais denunciados pola veciñanza son admitidas, decretándose medidas cautelares e obtendo pronunciamentos xudiciais que corroboran estas alertas.
Pero estas empresas consideran que pódense permitir unha agresividade cada vez maior, habida conta de que o principal cómplice desta violencia estrutural é a Administración pública. Non podemos esquecer que altos cargos do Goberno galego forman parte dos consellos de dirección das empresas que ameazan ás veciñas e veciños, como por exemplo Greenalia, unha das principais hostigadoras da poboación a base de polígonos industriais eólicos e agora tamén cunha macrocelulosa contaminante, que ten nin máis nin menos que á ex-conselleira de Medioambiente da Xunta de Galicia co PPdG, Beatriz Mato, como unha das súas altas directivas -alías de outros perfís próximos a empresas con clara influencia no Goberno galego, como INDITEX ou ABANCA-.
Así, se a cidadanía consegue organizarse, xuntar cartos e defenderse xudicialmente -con toda a presión psicolóxica e impacto nas súas vidas cotiás que isto conleva-, no caso de a Xustiza lles dea a razón, estas empresas fan campañas públicas de coacción e deslexitimación contra os xuíces sen que isto lles supoña ningún tipo de consecuencia, ao tempo que a Xunta de Galicia préstase a indemnizar ás empresas con millóns de euros das arcas públicas, como unha sorte de “castigo” social por terlles chafado o seu negocio. Xa quixeramos que para a atención sanitaria ou as listas de dependencia houbera o mesmo grao de compromiso por parte da Xunta que cando se preocupa por garantir o lucro e enriquecemento destas corporacións privadas nas que traballan persoas coñecidas.
Fronte a toda estas inxustizas, como defensa fronte á ameaza de deteriorar as nosas condicións de vida única e exclusivamente para o beneficio empresarial, dende o SLG animamos a seguir loitando establecendo alianzas entre colectivos diferentes, entre a veciñanza, entre o rural e o urbán, levando adiante accións xudiciais, de visibilización desta problemática e de denuncia, como a manifestación convocada para este vindeiro domingo 28 en Pontevedra.
“A nosa organización naceu loitando contra proxectos similares fai máis de 50 anos (As Encrobas, Baldaio, Encoro de Castrelo, Nuclear de Xove, etc). Nestas décadas foron moitos os ataques, pero tamén moitísimas as victorias: temos parado minas como a de Corcoesto ou San Finxs, macrovertedoiros, polígonos eólicos, encoros… O capitalismo verde está a atacar as comunidades rurais en todo o planeta. Na Galiza estamos en pé de loita e defendendo a nosa terra e o noso mar, temos que estar orgullosas, valorar esta capacidade e ser cada vez máis fortes”, alenta Margarida Prieto.