Novas

  • O SLG solidarízase coa veciñanza de Baamonde tras agudizarse o desmantelamento de servizos que está a sufrir

    O SLG solidarízase coa veciñanza de Baamonde tras agudizarse o desmantelamento de servizos que está a sufrir

    • 04,Mar 2021
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    A maiores, segundo nos informou a propia veciñanza de Baamonde, están a comezar as represalias por parte do equipo de goberno a quen se opón a esta política destrutora de servizos públicos; en concreto, o concello cambioulle a pechadura ao local sociocultural, que era usado libremente pola veciñanza e os colectivos sociais de Baamonde. Agora, o concello obrígalles a ir buscar a chave á casa consistorial cada vez que alguén queiran facer uso das instalacións, sexa para utilizar o material que teñen alí gardado, sexa para facer unha xuntanza, sexa para xogar unha partida á brisca.

    Tanto no caso do centro médico como no da escola, a Xunta de Galiza, coa complicidade do goberno municipal, son os responsábeis directos do desmantelamento. No caso da sucursal bancaria, unhas leis sempre laxas de máis para cos poderes financeiros, que se moven unicamente polo afán de lucro e non pola prestación dun servizo á sociedade, fixeron o resto. En canto ao cambio de pechadura do local social, só deixa constancia da catadura moral daquelas persoas ás que a veciñanza lles confiou a xestión do público durante catro anos.

    Sexa por acción ou por omisión, dende o SLG temos que denunciar, unha vez máis, o desprezo cara ás familias do rural que expresan os poderes públicos coas súas decisións e políticas e cuxa peor consecuencia é o despoboamento e abandono progresivo de boa parte do noso territorio para deixarllo en bandexa ás grandes empresas e industrias para depredar plantando eucaliptos, extraendo minerais ou construíndo parques eólicos. Pero era de agardar: Se a pasada lexislatura foi a do rural, non queremos nin pensar que acontecerá nesta que xa non o é.