Novas

  • O SLG solicita ao Delegado do Goberno na Galiza que o Estado español faga efectivas medidas de apoio ao pobo palestino

    O SLG solicita ao Delegado do Goberno na Galiza que o Estado español faga efectivas medidas de apoio ao pobo palestino

    • 21,Mai 2025
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments

    A Secretaria Xeral do SLG, Isabel Vilalba, e Dora Cabaleiro, integrante da EN que participou na delegación de LVC desprazada a Palestina en decembro 2024 entregaron esta mañá un escrito dirixido ao Delegado do Goberno. Urxe garantir a entrada do convoi humanitario paralizado en Rafah. A comida apodrece mentras xs gazatíes morren de fame

    A través de Dora Cabaleiro, labrega de horta ecolóxica integrante da Executiva Nacional (EN) do SLG que formou parte da delegación da Vía Campesina desprazada a Palestina o pasado mes de decembro e a Secretaria Xeral do SLG, a gandeira e produtora de faba de Lourenzá Isabel Vilalba, na mañá de hoxe o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) fixo entrega na Delegación do Goberno na Coruña dun escrito solicitando accións concretas de apoio ao pobo palestino por parte do Goberno de España, con especial fincapé na necesidade de elevar ao Plano da Alta Diplomacia internacional a urxencia de activar sancións contra o Estado de Israel polas súas prácticas xenocidas e particularmente do uso da fame como arma de guerra, así como pór en marcha as medidas de presión necesarias tanto para a chegada inmediata de axuda humanitaria á Faixa de Gaza como para o recoñecemento do Estado Palestino nos foros internacionais.

    O Comité da Unión de Traballadores Agrícolas de Palestina (UAWC polas súas siglas en inglés) -integrado en La Vía Campesina Internacional ao igual que o SLG- vén de facer tamén un chamado urxente a participar nas campañas globais de mobilizacións e actos reivindicativos que se están a promover para pedir unha solución á situación de Palestina, propoñendo intensificar as accións de denuncia entre os días 19 e 30 deste mes. No marco do mesmo, lanzaron a iniciativa de visibilizar a condena á utilización da fame como instrumento xenocida en Palestina secundando unha ou varias xornadas de xaxún e doando os cartos non invertidos eses días en alimentos.

    A propia Dora Cabaleiro é unha das compañeiras do SLG que está a participar nesta acción, iniciando o seu xaxún o pasado 19 de maio con intención de prolongalo até o propio día 30.

    No escrito rexistrado, solicitamos tamén manter unha entrevista persoal co Delegado do Goberno na Galiza, Pedro Blanco, a realizar ca maior celeridade posible, para trasladarlle a nosa visión da situación en Palestina e a nosa proposta.

    A pasada semana, o Presidente do Goberno Pedro Sánchez, convidado ao Cumio da Liga Árabe, criticou con contundencia o bloqueo da axuda humanitaria por parte de Israel da Faixa de Gaza, desvelando igualmente que proporá que a Corte Penal Internacional se pronuncie ante dito bloqueo. Porén, “é fundamental que, alén dos posicionamentos públicos destes últimos días, que o Goberno español poña en marcha as medidas de presión necesarias tanto para a chegada inmediata de Axuda humanitaria humanitaria á Faixa de Gaza como para o recoñecemento nos foros internacionais do Estado Palestino”, demanda Isabel Vilalba.

    Lembramos que o Estado de Israel xa asasinou a máis de 53.000 persoas -a maioría delas crianzas e mulleres-, dende o inicio dos seus ataques contra a poboación palestina en outubro do 2023. Recruecendo a súa estratexia de exterminio, desde o 2 de marzo de 2025 o goberno israelí vén impoñendo un bloqueo total sobre Gaza, provocando unha das fames máis graves da historia recente.

    Como resultado, a infraestrutura de Gaza está ao bordo do colapso total: o 93% da poboación enfronta unha inseguridade alimentaria aguda, levando a este territorio á Fase 5 da Clasificación de Fases de Seguridad Alimentaria (IPC polas súas siglas en inglés): exterminio por fame. Este é o nivel máis alto de inseguridade alimentaria, que indica mortes xeneralizadas por inanición, desnutrición aguda extremadamente crítica e colapso dos sistemas de sustento.

    Onte mesmo, dende a Coordenadora Europea Vía Campesina, na que nos integramos a nivel comunitario, expresamos a nosa solidariedade incondicional cara o pobo palestino e, máis especificamente, cara o seu campesiñado e aquelas comunidades rurais que seguen tratando de producir alimentos malia os bombardeos e os desprazamentos.

    Observamos con consternación que pese a que Palestina está pasando polo peor momento da súa historia, tanto en Gaza como en Cisxordania, a estratexia de Europa consiste en facer oídos xordos. É arrepiante estar asistindo a como Israel utiliza a fame abertamente no seu plan bélico, xenocida e de limpeza étnica, sen que nin a Unión Europea nin a comunidade internacional no seu conxunto estean actuando con contundencia ante esta masacre.

    Nun informe publicado polo Centro Palestino de Dereitos Humanos (PCHR) confírmase que o actual asalto militar israelí contra la Faixa de Gaza dirixiuse deliberada e ampliamente contra o sector agrícola e os sistemas de produción de alimentos de Gaza. As Nacións Unidas falan da peor crise humanitaria na Faixa de Gaza desde outubro de 2023. Mentras a axuda alimentaria apodrece no cruce de Rafah, as crianzas morren desnutridas. Dende o SLG e a Vía Campesina instamos a actuar xa. O pobo palestino, especialmente as e os gazatíes, non pode agardar.