Novas

  • O SLG solicita á CMR os datos que sustentan a declaración de ZVN

    O SLG solicita á CMR os datos que sustentan a declaración de ZVN

    • 03,Mar 2025
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Na mañá de hoxe tivo lugar unha xuntanza entre a Consellaría do Medio Rural (CMR) e as organizacións agrarias para tratar a declaración de varios concellos galegos como zonas vulnerables á contaminación por nitratos (ZVN) nos vindeiros meses.

    Neste encontro o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) puxo de manifesto a súa “sorpresa” pola declaración de ZVN de concellos de baixa intensidade gandeira, resultando canto menos sorprendente o uso de datos desactualizados -os resultados das análises correspóndense ao cuatrienio 2016-2019-, e que non determinan con claridade que sexa a actividade agrogandeira a causa significativa da contaminación.

    Como é sabido, a determinación de zonas con eutrofización de augas superficiais non se debe na maior parte dos casos á actividade agrogandeira, senón a causas industriais. Este problema pode agravarse seriamente coa implantación de industrias pesadas en zonas agrogandeiras do país, como é o caso da macrocelulosa de Altri e Greenalia, que ameaza con verter 30 millóns de litros diarios de augas cunha elevada concentración de nitratos. Tamén o déficit na xestión e depuración de augas residuais urbanas contribúe a este problema.

    Os datos das análises amosados hoxe pola Consellaría non garanten a procedencia exclusiva da contaminación de fontes agrarias.

    Na reunión mantida hoxe o SLG puxo de manifesto as eivas no modelo de xestión da gandeiría industrial sen terra, como anotar parcelas a moitos kilómetros do lugar de produción dos xurros/estercos ou as malas prácticas dalgunhas empresas encargadas da xestión destes materiais, identificadas por exemplo na comarca da Limia.

    A CMR, lonxe de falar do programa de medidas a levar a cabo polas persoas titulares das granxas situadas nestas zonas, presentou unha proposta de estratexia de economía circular na que contempla a creación de plantas de tratamento de xurros e esterco destas zonas xunto cun sistema de certificación de sustentabilidade das producións das granxas que entreguen os seu excedentes a estas plantas.

    A Xunta xa sabe onde se van situar estas plantas, cumprindo uns criterios de:

    – Existencia de excedente suficiente nun radio de 30 km

    – Preto dunha EDAR con capacidade suficiente

    – Preto da rede gasista

    – Polígono industrial con solo dispoñible

    O Sindicato Labrego expresou as súas dubidas ao respecto de que a certificación gandeira sostible presentada pola Consellaría serva para mellorar a rendibilidade das granxas. Mais ben semella unha estratexia de greenwhashing para vestir de verde o modelo industrial que xera excedentes con potencial contaminante.

    Alertamos do custe para o erario público deste modelo de xestión -supeditado á existencia dunha prima enerxética á produción de enerxía a partir de fontes renovables- e baseado nunha predición a futuro de suba do mercado do biogás e do CO2 bioxénico.

    O SLG defende como alternativa a este modelo unha ordenación do territorio que garanta base territorial para as nosas granxas, modelos de produción extensivos e produción ecolóxica, así como a existencia de orzamento suficiente para que as granxas poidan acometer proxectos que melloren a súa xestión ambiental, como os plans de mellora ou as axudas vinculadas a contribuír á mitigación-adaptación ao cambio climático e ao uso eficiente dos recursos naturais.

    Demandamos tamén que sexan habilitados fondos públicos para financiar modelos verdadeiramente sostibles, no canto de auxiliar á industria enerxética e a modelos de produción que xeran problemas. 

    Imaxe: Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación