Novas

  • O SLG reunirase mañá con gandeiras e gandeiros afectados por positivos dubidosos en tuberculose en probas de sanidade animal n´A Estrada

    • 20,Abr 2009
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Nestes últimos meses están a xurdir varios casos de positividade por tuberculose en gando vacún de leite no concello d´A Estrada.

    Na actualidade, o protocolo sanitario establece que estes animais deben de ser sacrificados a partires da primeira análise que reflicta posibilidade de contaxio, incluíndo os “positivos dubidosos”. Nembergantes, a única proba que certifica cen por cen a presencia de tuberculose no gando é a proba post morten.

    Segundo vimos observando dende o Sindicato Labrego Galego, somentes nunha mínima parte destes casos a proba post morten corrobora a existencia de tuberculose.

    Cómpre levar ao extremo o control sanitario do noso gando, e iso habería de incluír a aplicación de probas realmente fiábeis para a detección das posíbeis enfermidades e non movernos nos casos de “supostos”, que en numerosas ocasións acaban supoñendo unha perda económica inxusta para as explotacións, nomeadamente do sector lácteo, agravando inda máis a actual situación.

    Mañá a Secretaria Xeral do Sindicato Labrego, Carme Freire Cruces, e o Secretario de Sectores Gandeiros, Adolfo Cabarcos, reuniranse con algúns dos afectados e afectadas para coñecer de primeira man os aspectos desta problemática.

    Deste xeito trasladaremos á Administración galega na entrevista xa solicitada coa futura ou futuro responsábel de sanidade animal, a necesidade do establecemento de precedementos de control sanitario rigorosos para manter nas mellores condicións sanitarias a nosa cabana gandeira.

    Dende o Sindicato Labrego Galego consideramos que antes de levar a cabo o sacrificio das vacas haberíase de establecer medidas exhaustivas de control sanitario destes animais co obxectivo de confirmar se verdadeiramente están enfermos.