Novas

  • O SLG reúnese coas forzas políticas de Melide para deter as fumigacións aéreas contra o goníptero do eucalipto

    O SLG reúnese coas forzas políticas de Melide para deter as fumigacións aéreas contra o goníptero do eucalipto

    • 14,Abr 2012
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    En todas as reunións, Carme Freire advertiu sobre forte impacto que poden ter as fumigacións aéreas co insecticida químico utilizado (Flufenoxuron, que se vende baixo a marca comercial “Cascade”) na saúde das persoas, na fauna e no medio ambiente; e amosou o firme rexeitamento do Sindicato Labrego Galego a este tipo de medidas para controlar pragas. Carme Freire solicitou a paralización do proceso de tramitación de permisos para facer estas fumigacións, e pediu ao Concello de Melide que informe, a través dos medios que lle sexa posible (bandos, radio municipal, etcétera) de que o Flufenoxuron é un insecticida en moratoria na Unión Europea polos efectos nocivos que ten sobre a saúde e o medio ambiente (Directiva 91 / 414 / CEE e RD 255 / 2003). Ademais, a decisión da Comisión Europea do 9 de febreiro de 2012, publicada no Diario Oficial da UE, ordena que os produtos que conteñan flufenoxuron “deixarán de comercializarse a partir do 1 de agosto de 2012”. Segundo di, textualmente, esta decisión, o flufenoxuron é un “biocida” que é “persistente, bioacumulable e tóxico” e demostrou “efectos inadmisibles para o comportamento acuático”. Pola súa banda, os partidos da oposición comprometéronse a presentar iniciativas pedindo tamén a paralización do proceso, tanto a nivel municipal como parlamentario.

    Estas xuntanzas serviron tamén para constatar que a Xunta de Galicia mentiu na Mesa da Madeira, celebrada o pasado 3 de abril, ao dicir que non era a administración autonómica a que estaba a promover este tipo de fumigacións aéreas. Pola contra, o SLG constatou que está a ser o persoal do Distrito Forestal ao que pertence a demarcación de Melide quen está levando todo o proceso de tramitación para as fumigacións neste concello coruñés. 

    O Sindicato Labrego Galego xa denunciou, o ano pasado, á Consellaría de Medio Rural por utilizar este insecticida contra a praga da pulguiña do carballo, que daquela xa estaba en moratoria. Dado que a Consellaría volve a incidir no mesmo, dende o SLG estamos valorando presentar unha nova denuncia diante da fiscalía de medio ambiente pola reincidencia de Medio Rural en utilizar métodos prohibidos para controlar as pragas forestais.

    Cascade