Ademais de destruír colleitas enteiras, temos constancias de que as treboadas levaron por diante valados, socalcos e mesmo destruíron vides. Estes danos, que supoñen a destrución da campaña que ía comezar na vindeira vendima e os ingresos de todo un ano, súmase ás perdas acumuladas debido ao estado de alarma e o peche da hostalería.
O primeiro que debería facer Medio Rural diante desta situación catastrófica, a través das oficinas agrarias comarcais con competencias nas zonas afectadas, é un rexistro dos labregos e labregas afectadas e da superficie real danada pola sarabia, ademais doutros danos colaterais en adegas e instalacións e outros cultivos e sectores agrogandeiros, informando con transparencia sobre a cuantificación dos estragos sufridos. De seguido, cos datos na man, Medio Rural debería crear dunha liña de axudas directas semellante á que se creou para apoiar aos viticultores e viticultoras da Ribeira Sacra afectadas pola sarabia en 2016. Agardemos que, nesta ocasión, a Xunta non nos veña coa escusa de que “todo o asegurable non é subvencionable”.