A maiores, tamén pedimos un maior control, revisando o sistema de trazabilidade e incluíndo no decreto “un sistema de verificación habitual, por parte das autoridades competentes, de todas as entradas e saídas de produtos nas industrias que aporte garantías adicionais para unha trazabilidade total en caso de problemas de seguridade alimentaria”.
Finalmente, aproveitando o proceso para regular a etiquetaxe, pedímoslle ao Ministerio de Agricultura que responda con esta normativa ás crecentes demandas da sociedade en canto a saúde, transparencia e compromiso social. Por iso, avogamos por que as etiquetas e envases do leite e dos seus derivados recollan tamén información referente a parámetros como a alimentación do gando, o tipo de procesado e mesmo a porcentaxe de remuneración que lle corresponde aos gandeiros e gandeiras con respecto ao prezo pagado polos consumidores e consumidoras.
Precisamente, este tipo de información nos produtos lácteos está a ser cada vez máis demandado pola cidadanía, como demostran os resultados do estudo feito pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), co que colaborou o SLG, no que o 97% das persoas enquisadas queren que sexa obrigatorio indicar a orixe do leite na etiqueta, e a inmensa maioría ve necesario incluír datos como a alimentación do gando, a orixe do ingrediente principal, o tipo de procesado, o lugar de envasado e as marxes comerciais. Se queres descargar o informe, podes facelo premendo na icona que atoparás ao remate desta páxina.