Para o Sindicato Labrego Galego, o caso de Lácteos Riotorto vén sumarse ao deterioro imparable que está a sufrir o sector lácteo galego, con casos como o da Cooperativa Codegui, á que lle deixan de recoller o leite, ou o dos camións cisterna que veñen de fóra fornecer industrias galegas que, ao mesmo tempo, deixan de mercar o produto na Galiza.
Na misiva que Riotorto envía ás granxas, chama a atención a alusión á Consellaría de Medio Rural, á que a industria asegura terse dirixido “pedíndolle solucións para esta situación para antes do 15 de este mes”. O resultado de tal petición cabe imaxinalo diante da inutilidade e abandono de funcións desta Consellaría nos últimos anos: “O certo é que non me aportou ningunha (solución) e por iso precisamente estás lendo estas liñas”.
Evidentemente, as granxas afectadas van poder venderlle o seu leite a outra industria, e abofé que a estes prezos ha haber quen llelo recolla. De feito, o compromiso anunciado hai pouco por parte da Consellaría de Medio Rural e das industrias, que aseguraron que en 2016 se ha recoller o mesmo volume de leite na Galiza que en 2015, non serve para nada se esa recollida non se fai cun prezo mínimo digno, suficiente para cubrir os custes de produción nas granxas. Mesmo Lácteos Riotorto se compromete a seguir recollendo o leite, pero a 19 céntimos.
Abraia que a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, estea estes días por Bruxelas realizando funcións que lle competerían á ministra de Agricultura, mentres se desentende de problemas directos na Galiza como a crise que afecta as granxas que lle venden a Lácteos Riotorto; máis lle tería valido convencer a Tejerina de que defendese os intereses do leite galego no Consello Ministerial de Agricultura do pasado 15 de febreiro, que é o foro onde se poderían ter tomado decisións transcendentes ao respecto e que, por certo, só serviu para que as cousas sigan como están, xa que non se falou de tomar medidas realmente eficaces para atallar a actual crise, como facer un control público da produción ou prohibir que se poida comerciar con leite por baixo dos custes de produción.