Novas

  • O SLG pide medidas de apoio contra a crise do viño e critica as restricións absurdas na viticultura de autoconsumo

    O SLG pide medidas de apoio contra a crise do viño e critica as restricións absurdas na viticultura de autoconsumo

    • 29,Abr 2020
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    As restricións á viticultura de autoconsumo polo Covid19 denotan un fondo descoñecemento da realidade galega, xa que a especial situación xeográfica dos cultivos de vide e a estacionalidade dos seus traballos e coidados favorecen o feito de que moitas persoas teñan viñedos a distancias moi superiores ás establecidas na orde da Consellaría de Medio Rural. Dende o SLG avogamos por que se permita ás persoas que teñan viñedos poder coidalos e traballalos con independencia da distancia a que se atopen.

    No que se refire ás persoas que se dedican profesionalmente á viticultura, un dos sectores máis castigados polo impacto da crise do Covid19, van precisar algo máis que permiso para poder traballar nos viñedos. A preocupante situación actual, coa comercialización de viño colapsada polo peche da hostalería, pódese tornar catastrófica no momento que nos acheguemos á seguinte vendima e moitas adegas se atopen cos almacéns cheos de viño sen vender, o que sen dúbida influirá na caída dos prezos e das compras de uva.

    Diante desta preocupante situación, dende o Sindicato Labrego Galego pedimos que, de maneira inmediata, a Consellaría de Medio Rural se poña a traballar nunha potente campaña publicitaria que promova o consumo de viños galegos no propio fogar e non en restaurantes e bares. De nada nos servirán as compras que se poidan facer grazas á iniciativa de Mercaproximidade se despois os consumidores e consumidoras non mercan viño nos supermercados e comercios ou, o que é case peor, optan por denominacións de orixe non galegas como adoita acontecer.

    En segundo lugar, da mesma maneira que se debería facer con outros sectores agrogandeiros afectados pola crise, Medio Rural debería redistribuír os fondos do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) para crear unha liña de axudas directas destinadas a paliar as previsibles perdas que sufrirá o sector vitivinícola, especialmente pensando en axudar á parte máis vulnerable como son as pequenas adegas e a produción de uva.