Nunha análise realizada polos servizos técnicos do Sindicato Labrego Galego, constatamos que o prezo medio das liquidacións entre abril e xuño de 2020 foi de 4’17 € por quilo/canle en tenreira de calidade Suprema e de 3’5 € quilo/canle en tenreira normal. Estes datos desmenten os publicados pola propia IXP Tenreira Galega a finais de xuño e demostran o descenso que a crise da Covid-19 provocou no valor da carne de vacún na Galiza.
Se ben os datos do mes de marzo non amosan unha baixada moi forte respecto a marzo de 2019, en abril, maio e xuño apréciase un descenso ao redor dos 50 céntimos por quilo en Tenreira Suprema e outro tanto na normal. A depreciación tórnase brutal no caso da carne de desvelle que, nalgúns casos, chegou a encaixar caídas no prezo do 50%.
Entendemos que o peche e posteriores restricións na canle Horeca (hoteis, restaurantes e cafetarías) influíse na caída da demanda e, polo tanto, no prezo da carne; e que este feito non se viu compensado polo aumento de consumo nos fogares, que a Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG) cifrou no 33%. Porén, temos que denunciar o feito de que a crise fose e estea a ser utilizada por industrias e distribución para impoñer unha baixada xeneralizada dos prezos, aproveitando o abandono de funcións do Ministerio de Agricultura e da Consellaría de Medio Rural diante da posición de abuso coa que se extorsionan as producións labregas.
Por iso, dende o Sindicato Labrego Galego, insistimos na necesidade de activar axudas directas, de maneira urxente e a curto prazo, para o sector da carne de vacún. Estas axudas deben estar orientadas a paliar as perdas producidas pola Covid-19 e a garantir a continuidade das granxas, moitas delas en zonas desfavorecidas e de alta montaña. A mellor maneira de activar estas axudas, a xuízo do SLG, sería autorizar un pago adicional por becerro sacrificado vinculado a vaca nutriz que permita equilibrar os prezos; ou facer un pagamento directo por vaca nutriz ou por granxa, xa que se estaría a pagar directamente a quen produce os xatos.
Máis a longo prazo, dende o SLG seguimos insistindo na necesidade de ordenar a cadea alimentaria para evitar os abusos da industria que é, agora mesmo, a que impón os prezos en detrimento da IXP Tenreira Galega; e de apoiar outras vías de comercialización alternativas, como a venda directa. Neste senso, cómpre denunciar que a Consellaría de Medio Rural aínda non gastou nin un céntimo dos 4’5 millóns de euros que contempla o Plan de Desenvolvemento Rural PDR 2014-2020 para esta última finalidade.
Finalmente, en caso de que non se tomen medidas, cómpre lembrar que a IXP Tenreira Galega foi autorizada a conxelar carne até o 31 de decembro para non saturar o mercado e influír positivamente nos prezos. Esta medida, aínda que necesaria no período máis crítico da crise, pode ser unha arma con dobre gume, xa que cando comecen a saír ao mercado os continxentes almacenados poden influír negativamente nos prezos e agravar aínda máis a crise actual.