Dende o Sindicato Labrego Galego queremos expresar o noso apoio a este proxecto e facer un chamamento á cidadanía para colaborar no seu financiamento que, en parte, se está a nutrir dunha campaña de mecenado a través da plataforma Goteo.org. Con pequenas contribucións, ti tamén podes achegar o teu apoio a un proxecto deses que si constrúen país ademais de conciencias cultivadas, libres e críticas, que é o desexable de calquera sistema educativo.
Agora mesmo, levan recadados case 70.000 euros, o 76% dos 90.000 € como mínimo que deben acadar para facer deste soño unha realidade. E só restan nove días para que finalice a campaña. Agardamos que coa túa achega este proxecto imprescindible para a Galiza poida facerse realidade e sexa semente para novas iniciativas que se lle asemellen.