Regalar o leite, ou vendelo a prezos irrisorios para atraer clientela, sempre se fai a costa do elo máis feble da cadea comercial, neste caso o das granxas produtoras, que dun xeito ou outro acaban encaixando este tipo de prácticas promocionais asumindo prezos artificialmente baixos impostos polas industrias. Ademais, este tipo de prácticas banalizan o valor do produto diante de consumidores e consumidoras, que o acaban considerando un artigo barato que se debe adquirir só a estes prezos drasticamente rebaixados. No caso que nos ocupa, agasallar con leite gratis vai máis alá e despoxa a este alimento de calquera valor de mercado que puidera ter.
Dende o Sindicato Labrego Galego pedimos a retirada desta campaña polos motivos que acabamos de citar e porque, ademais, podería estar a violar a Lei da Cadea Alimentaria, que castiga a venda a perdas de alimentos coma o leite con prácticas promocionais como a devandita, delito que hoxe en día é perseguido pola Axencia de Información e Control Alimentario (AICA).