Para o sector produtor, é fundamental que Mercadona, que conta cunha cota de mercado no sector da alimentación a nivel estatal do 13,5% e máis de 1.383 supermercados, e o resto da distribución, se comprometan nun sistema que equilibre o reparto de beneficios na cadea de valor, así como en non utilizar o leite como produto reclamo, impoñéndolles aos produtores e produtoras de leite prezos moi inferiores aos custos de produción, como está a acontecer na actualidade.
Con prezos neste último mes de arredor de 27 céntimos por litro fronte a uns custos de produción superiores aos 37 céntimos, os gandeiros e gandeiras ven como a situación se está a volver insostible día a día, empeorando máis aínda as anteriores cifras de xuño e maio de 2012, cando percibiron 29,2 céntimos por litro, prezos que estaban un 5,5% por baixo do prezo medio estatal e un 15,61% por baixo do que perciben os produtores valencianos. O prezo percibido polas gandeiras e gandeiros galegos era un 5,48% inferior ao de Portugal, un 1,10% inferior ao de Francia, un 5,65% inferior ao de Alemaña e un 12,16% inferior ao de Holanda.
Isto é especialmente grave se temos en conta que entre abril e agosto a suba experimentada polos cereais que se empregan nos pensos é dun 21%, e no mes de xaneiro de 2012 o prezo da soia era de 441 dólares a tonelada, mentres que no mes de xullo xa era de 609 dólares. Isto súmase a unha dinámica de perda de poder adquisitivo continuo das explotacións que xa non dá máis de si. Dende o ano 2005, e antes desta última suba, os custos de explotación subiran un 29,6% (os alimentos para o gando subiran un 33,9%, os fertilizantes un 60,2%, os gastos enerxéticos un 50,4%) o que motivou unha caída da renda do 43%.
Dende o Sindicato Labrego Galego, pedímoslle á compañía que preside Juan Roig e ao resto do sector distribuidor que se comprometan, xunto coa industria, na recuperación urxente dos prezos do leite para as explotacións, nun compromiso que a nivel galego tamén o será cos máis de 66.000 empregos que de xeito directo e indirecto xiran arredor do sector leiteiro.