Novas

  • O SLG pide a ampliación do prazo para alegar os dereitos da PAC e presentará queixa diante da Valedora do Pobo

    O SLG pide a ampliación do prazo para alegar os dereitos da PAC e presentará queixa diante da Valedora do Pobo

    • 02,Dec 2016
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    A pesares da importancia que ten esta resolución, a publicidade que se lle está a dar é moi deficiente. Polo de agora, só se publicou no DOG, un medio para comunicar avisos oficiais ao que a maior parte dos e das profesionais da agricultura non accede case nunca; ademais, tampouco se avisou dende a Xunta que o DOG ía ser o medio para poñer en coñecemento das persoas interesadas a apertura do prazo de alegacións. Pasados quince días dende a publicación da resolución no DOG, están comezando a chegar aos domicilios das persoas interesadas as primeiras cartas de aviso por correo ordinario. Sabendo os precarios medios dos que dispón Correos no rural e a escasa frecuencia de reparto nas parroquias e aldeas, é de prever que cando remate o prazo de alegacións miles de labregos e labregas sigan sen saber que o seu nome foi publicado no DOG cunha asignación de dereitos pola que xa non poderán reclamar.

    No mellor dos casos, o daquelas persoas que si viron a resolución no DOG ou recibiron a carta de aviso, non lles foi comunicada información esencial sobre os dereitos asignados para poder saber se deben ou non reclamar. Para iso, é necesario facer a comprobación por vía electrónica, un medio ao que non todo o mundo no rural ten acceso.

    Por todo o devandito, e para que este proceso administrativo se desenvolva con garantías para todas as persoas interesadas, instamos á Consellaría de Medio Rural a ampliar un mes, como mínimo, o prazo para poder reclamar e presentar alegacións diante da asignación de dereitos do réxime do pagamento básico da Política Agraria Común (PAC).

    O gabinete xurídico do SLG prepara unha queixa diante da Valedora do Pobo para democratizar a publicidade de avisos oficiais e os procedementos administrativos

    Actualmente, as axudas da PAC son unha das principais fontes de ingresos para miles de granxas que venden o produto do seu traballo a perdas ou con escasísimas marxes de beneficio que farían ruinosa a actividade de non ser por estas subvencións. Para o Sindicato Labrego Galego é inadmisible que dende a Consellaría de Medio Rural se estea a dar unha publicidade tan deficiente dunhas axudas esenciais para o agro galego e cuxa contía se fixará agora até o ano 2020.

    Para o SLG, o xeito de comunicar avisos oficiais por parte da Xunta nos sectores agrogandeiros, e a informatización de todos os procesos administrativos ligados, marxina miles de labregos e labregas. Cómpre ter en conta que o agro galego está moi envellecido, cun 60% dos e das profesionais cunha idade superior aos 60 anos. Normalmente, as persoas que teñen unha idade avanzada non se desenvolven ben coas novas tecnoloxías ou carecen de equipos e servizos electrónicos como ordenadores, smartphones ou conexión a Internet. Esta xente sofre unha indefensión absoluta e a súa marxinación respecto dout@s colegas de profesión. Por este motivo, o gabinete xurídico do Sindicato Labrego Galego está traballando na presentación dunha queixa formal diante do Valedor do Pobo para que a Xunta habilite formas de comunicación e procedementos administrativos ao alcance da totalidade dos e das profesionais de agricultura para garantir a súa igualdade de oportunidades e dereitos.