Novas

  • O SLG participará no xaxún convocado polo Comité da Unión de Traballadores Agrícolas de Palestina do 19 ao 30 de maio

    O SLG participará no xaxún convocado polo Comité da Unión de Traballadores Agrícolas de Palestina do 19 ao 30 de maio

    • 16,Mai 2025
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments

    Acción para visibilizar e denunciar a utilización da fame como arma de guerra por parte do estado xenocida de Israel. Gaza en Fase 5 do IPC: EXTERMINIO POR FAME. O 93% da poboación non pode acceder a alimentos

    De xeito directo, o Estado de Israel xa asasinou a máis de 53.000 persoas -a maioría delas crianzas e mulleres-, dende o inicio dos seus ataques contra a poboación palestina en outubro do 2023. Recruecendo a súa estratexia de exterminio, desde o 2 de marzo de 2025 o goberno israelí vén impoñendo un bloqueo total sobre Gaza, provocando unha das fames máis graves da historia recente.

    Como resultado, a infraestrutura de Gaza está ao bordo do colapso total: o 93% da poboación enfronta unha inseguridade alimentaria aguda, levando a este territorio á Fase 5 da Clasificación de Fases de Seguridade Alimentaria (IPC polas súas siglas en inglés): exterminio por fame. Este é o nivel máis alto de inseguridade alimentaria, que indica mortes xeneralizadas por inanición, desnutrición aguda extremadamente crítica e colapso dos sistemas de sustento.

    O pan desapareceu dos mercados; xs palestinxs morren por deshidratación e feridas non tratadas; todas as panaderías e muíños de fariña foron destruídos; o combustible, a auga, a electricidade e as subministracións médicas seguen bloqueadas. Como consecuencia das accións deliberadas levadas a cabo pola ocupación israelí de Palestina, máis de dous millóns de palestinxs en Gaza están a vivir en condicións de fame crítica extrema.

    No contexto actual, no que toda unha poboación está a literalmente morrer de fame, o Comité da Unión de Traballadores Agrícolas de Palestina (UAWC polas súas siglas en inglés) -integrado en La Vía Campesina Internacional ao igual que o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL)- lanzou onte un chamado urxente para realizar Semanas Globais de Xaxún en Solidariedade co Pobo de Gaza do 19-30 de maio de 2025.

    A través desta acción convocan a secundar, na data que cada persoa elixa, un Día Global de Xaxún neste periodo temporal. Xuntxs podemos enviar unha mensaxe contundente desde cada recuncho do planeta condenando a utilización da fame por parte de Israel e os seus cómplices como arma de guerra.

    O Sindicato Labrego Galego participará nesta acción de denuncia a través de Dora Cabaleiro, labrega de horta ecolóxica integrante da Executiva Nacional do SLG que formou parte da delegación da Vía Campesina desprazada a Palestina o pasado mes de decembro.

    Sumámonos asemade á proposta de pedir á sociedade civil que manifesten o seu apoio xaxuando en solidariedade co pobo de Gaza, e doando o diñeiro non invertido en alimentos a algún dos fondos de emerxencia contra a fame na Palestina, ben sexa o do propio Comité da Unión de Traballadorxs Agrícolas de Palestina ou doutra organización que estea a traballar no territorio para combater o uso deliberado da fame por parte de Israel como instrumento xenocida e para fornecer alimentos directamente ao pobo de Gaza. Ademais, animamos a toda a cidadanía a unirse ás mobilizacións de rúa, campañas de chamadas e envíos de cartas, folgas e boicots ata que cesen os ataques de Israel contra o pobo palestino e se abran de xeito inmediato ás fronteiras de Gaza.

    Instamos, unha vez máis, aos gobernos europeos e á xustiza internacional a establecer as vías necesarias para iniciar un proceso penal contra o Goberno de Israel, os seus crimes contra a humanidade non pode quedar impunes.