Logo da última reunión realizada polo grupo consultivo do viño no 2008, a situación do sector caracterizouse por atravesar un período de grandes cambios en canto ao consumo: baixada nos países mediterráneos -polo alonxamento da cultura do viño asociada á nosa gastronomía-, subida nos países anglosaxóns -non asociado ás comidas, senón como medida para desplazar a outros alcohois máis perxudiciais para a saúde-, en tanto que os países emerxentes non responderon comercialmente como a UE agardaba, malia ás fortes inversións realizadas nese apartado.
Dende a Coordenadora Europea Vía Campesina lamentamos a demora nesta segunda convocatoria, xa que un ano é demasiado tempo nun sector tan dinámico e que está a sufrir unha profunda crise económica. Agardamos que o próximo grupo consultivo teña lugar, como moi tarde, no próximo outono, como está previsto.
Na reunión mantida onte a eiva máis clara foi a ausencia da presentación dun informe de avaliación das medidas de regulación de mercado realizadas no marco da OCM, que habería de facer a propia Comisión, xa que consideramos que é precisa unha avaliación política deste tema.
Na actualidade o único órgano europeo que hoxendía está a realizar unha avaliación da OCM vitícola é o Tribunal de Contas, e estamos convencidos/as de que unha vez rematada concluirá que dita reforma foi un desastre para o sector.
A falta de saber cales van ser as orientacións políticas do recentemente nomeado Comisario con respecto ao sector do viño, segundo puido constatar o Responsábel do Sector Vivinícola do SLG, Manuel Docampo, o debate na Europa comunitaria atópase nestes momentos na pretensión da industria e da grande distribución de aplicar cambios no sistema de denominacións de orixe (D.O.) e indicacións xeográficas protexidas (IXP) de cara a conseguir a unificación e procurando que sexan menos estritas.
O obxectivo das grandes empresas é diluir as caracterísiticas intrínsecas -xografía, clima, varieda, prácticas culturais, etc.- que lle dan valor aos caldos e limitar este estatus ao feito de ter unha etiqueta, tipo “Viños de España”.
Estes cambios ao modo de ver do SLG, e de boa parte do sector produtor en toda Europa, traerán consigo a destrucción da cultura do viño, que tantos centos de anos custou consolidar e con ela os aspectos máis sociais do modelo de vitivinicultura de calidade.
Arquivo para descarregar:
Dossier de documentación correspondente á reunión (produción e prezos)