Precisamente, dende o SLG levamos meses analizando aspectos concretos de como a actual PAC marxina a Galiza, destrúe miles de postos de traballo cada ano no agro, favorece a desertización do rural e fai predominar un sistema alimentario moi lonxe de acadar os estándares mínimos de calidade e protección da saúde das persoas.
Para afondar nesta análise e articular alternativas concretas, contaremos con especialistas de diversos países da UE como Gérard Choplin (Bélxica), Pierre Maison (Confédération Paysanne, Francia), Andoni García (EHNE, Euskadi), Celsa Peiteado (WWF, Madrid), Ester Comas (Justicia Alimentaria, Catalunya), Marta Soler (Universidade de Sevilla, Andalucía), Isabel Álvarez Vispo (vicepresidenta de Urgenci), Belén Verdugo (Castela e León) ou Vítor Fernandes (CNA, Portugal). De Galiza, tamén haberá unha ampla representación do ámbito académico (Alba Díaz Geada, Emilio Carral Vilariño ou Juan Castro Insua) e labrego (Lidia Senra, Isabel Vilalba Seivane, Ana Rodríguez, Dora Cabaleiro ou María Ferreiro.
Dende o SLG, levamos meses manifestando que esta PAC non serve para garantir prezos xustos e rendas dignas. Temos que pensar nunha PAC que poña no centro políticas públicas de regulación da produción e de reequilibrio da cadea de valor, impedindo os abusos da industria e da gran distribución alimentaria. Queremos soberanía alimentaria para Galiza. Porén, a actual PAC está a fracasar en demandas como as devanditas e vai perpetuar os mesmos erros coa nova reforma.
A maiores, a actual PAC marxina a nosa terra, xa que o actual sistema de axudas está baseado no pagamento por hectárea. Isto é así porque Galiza é un dos territorios con menor superficie agraria útil de Europa (20,8% fronte ao 47,7% da media española; a media europea supera con creces o 40%), debido a décadas de forestación ilegal de terras agrarias fomentada pola Xunta. Por iso, nun pago por hectárea Galiza sempre perderá. Os feitos así o proban: Galiza ten un dos importes medios máis baixos por beneficiario/a nas axudas da PAC (2590,10 € de importe medio por persoa beneficiaria na Galiza; 3.959,45 € de importe medio por persoa beneficiaria en España).
Estes aspectos e outros da Política Agraria Común, xunto coas súas alternativas, serán analizados e debatidos neste seminario europeo no que, para participar, é preciso anotarse a través do enlace ou do código QR que se facilitan no programa adxunto e ter en conta que o número de prazas é limitado debido aos protocolos sanitarios esixidos pola Covid-19.
