Para o Sindicato Labrego Galego, o principal problema que ten a agricultura na Unión Europea é a teima con liberalizar os mercados agrarios e deixalos baixo a lei do máis forte, neste caso, a lei das corporacións agroalimentarias e da gran distribución. A reforma da PAC que nos propoñen non regula as relacións comerciais entre os labregos e labregas e as industrias, nin regula as producións. O resultado de continuar cunha PAC nestes termos coñecémolos de abondo: prezos agrarios á baixa, miles de millóns do erario público para que os labregos e as labregas poidan sobrevivir malvendendo o produto do seu traballo a prezos por baixo dos custes de produción, e as multinacionais e grandes distribuidoras da alimentación amasando beneficios millonarios grazas aos nosos impostos e ao esforzo das explotacións. Unha fórmula perfecta para que na Unión Europea, e na Galiza, continúen pechando miles de explotacións e se desertice aínda máis o medio rural.