A esixencia do modelo 347 está causando moitos problemas nas explotacións dos labregos e labregas que están no réxime fiscal por módulos e non fixeron vendas sen retención superiores a 3.005,06 €, pois non teñen obriga de presentalo e foilles requirido igualmente. Isto provoca que non estean ao día nas súas obrigas tributarias e que, polo tanto, as axudas que teñen en trámite se paralicen até que se solucione o requirimento na Axencia Tributaria.
Os representantes do Sindicato Labrego pedíronlle a Luís Pazos que a Axencia Tributaria só lle requira o modelo 347 a aquelas explotacións que teñen obriga de presentalo. Pola súa banda, o delegado especial da Axencia Tributaria en Galiza comprometeuse a axilizar o proceso para que non se produzan demoras nos cobros das axudas agrarias; así e todo, os labregos e labregas afectados/as deberán presentar o requirimento o antes posible, para que a resolución da Axencia Tributaria se faga no menor prazo.
A maiores, Xosé Manuel Calvo e Xosé Ramón Cendán pedíronlle a Luís Pazos, de cara a que non se repita este tipo de problemática no futuro, que non se envíen este tipo de requirimentos de xeito masivo e indiscriminado como se fixo desta vez, senón que se lles mande só a aquelas persoas que corresponda e, sobre todo, que non coincida con campañas e xustificación de axudas agrarias, polos graves prexuízos que provoca á hora de axilizar a tramitación e cobro de subvencións das que depende a liquidez de moitas explotacións agrarias que, polo xeral, están a atravesar unha situación económica crítica. Para o SLG, este problema é un síntoma máis da excesiva, e de cotío asfixiante, burocracia á que se somete ás explotacións agrogandeiras e que, case sempre, supón un aumento de custes por mor da necesidade de contratar servizos de xestión e contabilidade externos á explotación.