O SLG, que xa estivo presente en anteriores edicións do FSM, participará neste encontro co interese de defender os dereitos colectivos e individuais do pobo galego, e das labregas e labregos en especial, participando no “Espazo polos dereitos dos pobos e nacións sen Estado”, onde compartiremos espazo con outros colectivos galegos (ALTERMUNDO, Fundación Galiza Sempre) tamén membros do Consello do recentemente constituído FSGal.
Asemade, o Sindicato Labrego terá unha forte participación nas actividades que levará a cabo A Vía Campesina ao longo do transcurso do Foro Social Mundial 09, mostrando o seu rexeitamento ao actual modelo social neoliberal, así coma ao abuso que supoñen os Tratados de Libre Comercio (TLC) vixentes neste momento canda á OMC.
O SLG defenderá firmemente o dereito dos pobos á soberanía alimentar, a ter uns adecuados servizos de produción que favorezan o óptimo desenvolvemento endóxeno dos pobos e a pertinencia de que os seres vivos sexan patrimonio da humanidade e non das multinacionais, como está a ocorrer arestora.
Estamos convencid@s de que deste espazo de reflexión colectiva a prol dos dereitos humanos sairán importantes alianzas a nivel mundial, unha sorte de globalización da loita antineoliberal, que nos proporcionarán unha maior forza á hora de facer escoitar as nosas demandas, acadando un significativo grao de presión sobor dos actuais poderes fácticos da sociedade co obxectivo de facer realidade a premisa “un outro mundo é posíbel”.
|
OBTERÁN MÁIS INFORMACIÓN CONTACTANDO CON Xosé Ramón Cendán, Responsábel de Relacións Internacionais do SLG TLF: 619 900 002 *A dispoñibilidade de Xosé Ramón Cendán exténdese tamén aos días de realización do FSM (27xaneiro-1febreiro)
|