Novas

  • O SLG leva ao Valedor do Pobo un problema que pode deixar a Galiza sen capacidade para producir alimentos

    O SLG leva ao Valedor do Pobo un problema que pode deixar a Galiza sen capacidade para producir alimentos

    • 02,Feb 2012
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Este foi o motivo que congregou, o pasado 2 de febreiro, a medio cento de persoas afectadas e do SLG diante da sede do Valedor do Pobo. “O Sindicato Labrego Galego presentou máis de duascentas denuncias en toda Galiza, dende o ano 2007”, explicou a secretaria xeral desta organización agraria, Carme Freire. “A pesar de ter tramitado centos de denuncias, a pesar de tentar recabar información sobre o estado dos expedientes en Medio Rural, a pesar de ter mantido xuntanzas ao respecto con responsábeis desta Consellaría; a pesares de todo iso, as denuncias seguen paralizadas nun caixón”. A intención do SLG coa acción de hoxe é que “o Valedor do Pobo actúe, pedindo responsabilidades, e cuestionando por que se manteñen paralizados todos estes expedientes de denuncia”.

    Carme Freire non dubidou en sinalar que esta parálise da Administración á hora de repoñer a legalidade, unida aos cambios lexislativos que se están a facer na Xunta con respecto aos usos da terra, “obedecen a unha estratexia clara de sacarnos as terras agrarias aos labregos e labregas que producimos alimentos para darlla ás industrias que producen enerxía e celulosa”.

    SLG no Valedor do Pobo

    Mais non é un problema que afecte só ao agro. A secretaria xeral do SLG advertiu que “as xentes de Galiza corren o risco de que a comida que chega aos seus pratos lles sexa servida por unhas poucas multinacionais, en réxime de oligopolio e co prezo e calidade que elas queiran; xa que os labregos e labregas, en canto nos quiten a terra, teremos que deixar de producir alimentos. Isto é o que está en xogo para toda a sociedade galega: a capacidade propia de producirmos alimentos; amais de estar en xogo tamén os nosos postos de traballo, como profesionais da agricultura que dependemos da terra para desenvolver a nosa actividade. O Goberno da Xunta esta planificando que o noso medio rural se dedique a producir enerxía a costa de deixar de producir alimentos, polo que se está comprometendo o noso futuro como labregos e labregas, e o futuro de todo un país”.

    O Sindicato Labrego Galego iniciou en maio de 2011 unha campaña para denunciar esta situación de desamparo e violación flagrante dunha lei coa complicidade da Consellaría de Medio Rural. Nesta campaña, fixéronse denuncias públicas de casos de forestacións ilegais en concellos tan dispares como Cambre, O Pino, Becerreá, Vilalba ou A Estrada. A denuncia ante o Valedor do Pobo dá continuidade a esta fronte de loita que, segundo afirmou Carme Freire, “non vai quedar aí pois, se é necesario, acudiremos á fiscalía para denuncialo. O Sindicato Labrego Galego vai empregar todas a súas forzas e os recursos legais ao seu alcance para que, dunha vez por todas, se desenmascare esta estratexia premeditada para usurparlle a terra agraria aos labregos e labregas en beneficio dunhas poucas empresas enerxéticas”.

    undefined


    [1] O artigo 25 B da Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais 3/2007 prohibe expresamente “as repoboacións forestais en zonas adicadas a labradío, cultivo, prados ou pastos, con independencia da súa cualificación urbanística”