Dous eran eses requisitos: o primeiro, que a granxa de ovino ou caprino solicitante tivese como mínimo dez reprodutoras. Aí entraban case 4.000 explotacións galegas. O segundo, que fosen solicitantes das axudas da PAC para o sector, co cal as posibles beneficiadas reducíronse a unhas 200. Co viño aconteceu algo semellante, xa que para estas axudas, concibidas para grandes adegas doutras latitudes do Estado, só houbo 17 solicitudes en toda Galiza.
Dende o Sindicato Labrego Galego reclamamos unha axuda compensatoria polas perdas provocadas pola crise da Covid-19 á que poidan acceder todas as granxas damnificadas. Para empezar, estas axudas deberían cubrir todo o ano (as convocadas só cubrían os meses de marzo e abril), xa que as perdas sufridas polo sector non só se limitaron aos meses do confinamento. De feito, a crise segue a repercutir con prezos á baixa. Por iso, dende o SLG pedimos que as axudas de compensación sexan por cada granxa e que, para calcular o importe que lle correspondería a cada unha, se faga unha estimación a partir da diminución nas vendas neste ano en comparación coas vendas realizadas o ano anterior.
A maiores, seguimos pedindo da Consellaría de Medio Rural unha campaña de apoio á comercialización para estes sectores, que impulse o consumo e a recuperación dos prezos.
Este foi un annus horribilis para o sector ovino e caprino, xa que unha das súas principais canles de comercialización é a hostalería, tanto de años como de cabritos. O confinamento deuse nun intre no que os prezos, en marzo, estaban a ser superiores aos do ano pasado. Durante o confinamento, practicamente non houbo vendas e as poucas que se fixeron foron a prezos irrisorios por mor da crise. Este impacto foi xeneralizado se temos en conta que o confinamento se fixo nunha das épocas con máis partos de cara a fornecer as diversas festividades que comezaban na primavera.
En definitiva, as granxas tiveron que vender a prezos moi inferiores aos do ano pasado. Tamén houbo quen gardou os animais até pasar o confinamento, pero tamén tiveron que vender a prezos baixos porque os animais acabaron pasados de quilos.
Aínda que a carne de vacún non ten unhas vendas tan estacionais como a de ovino e caprino, cuxo consumo está máis asociado á celebración de festividades, tamén leva un ano padecendo unha caída de prezos que non atopou ningún tipo de axuda ou compensación por parte das administracións. Así o denunciamos recentemente: bit.ly/CarneVacúnCovid
Outro factor que non axuda a que os diversos sectores en crise se beneficien de posibles axudas é o desmantelamento da rede de oficinas agrarias comarcais na Galiza, que son as que deberían promover as subvencións e axudar a xestionar a súa tramitación. Porén, hoxe en día o sector ten que recorrer a xestorías e entidades bancarias para pedir axudas tan importantes como as da PAC. No caso das axudas de ovino e caprino, atopámonos con que se convocaron cun prazo insuficiente (dez días) e con boa parte das entidades privadas de vacacións ou co persoal eventual que tramita PACs nos bancos co seu contrato temporal expirado, o cal tamén puido influír no escaso éxito da convocatoria.
Da mesma maneira que no sector de vacún, en ovino e caprino tamén se recorreu á conxelación de canles para retirar carne do mercado. Como xa dixemos nun anterior comunicado, esta é unha arma de dobre gume, xa que se ben agora esa retirada pode axudar a manter os prezos, nos meses vindeiros, cando se introduza no mercado, pode facer que se afundan de novo. De aí que as axudas de compensación sexan tan necesarias de cara a garantir as rendas de decenas de miles de granxas na Galiza.