Novas

  • O SLG insiste na urxencia de  adoptar medidas de apoio fronte a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica

    O SLG insiste na urxencia de adoptar medidas de apoio fronte a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica

    • 10,Set 2024
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Debido á alta incidencia da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) e significativa taxa de efectos secundarios no gando afectado que dificultan a aplicación da vacina obrigatoria de Lingua azul en bovinos e ovinos, a Consellería do Medio Rural semellou entrar en razón e accedeu hoxe, como vimos solicitando reiteradamente dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), a extender a autorización para deixar saír os animais das granxas sen a pauta de vacinación completa.

    Ante este anuncio ADIAMOS a concentración convocada para mañá fronte ás instalacións da Consellaría en Ourense, trasladando ao mesmo tempo a solicitude de activación das seguintes medidas acordadas polas gandeiras e gandeiros do Sindicato Labrego. De non ser atendidas nas vindeiras semanas, activaremos de novo o calendario de mobilizacións ao que dimos inicio o pasado 14 de agosto.

    REIVINDICACIÓNS SOS GANDARÍA

    -Urxir da Xunta de Galicia a adopción de medidas de apoio concretas ante as perdas da EHE (gastos veterinarios, mortes, abortos, diferentes tipos de perdas…)

    -Incremento das insuficientes contías das indemnizacións por mortes

    Financiamento da vacina por EHE, que debe seguir sendo voluntaria

    Protocolo claro de vacinación: non vacinación de rabaños coa enfermidade activa; prazos entre a vacinación de lingua azul e da hemorráxica; estudo da viabilidade real da vacina da lingua azul considerando a clínica desta enfermidade e as perdas e efectos secundarios da vacinación; pautas de vacinación tendo en conta o calendario dos vectores de transmisión e o prazo para que a inmunización sexa efectiva, etc.

    Garantir a saída de animais das granxas, tendo en conta a imposibilidade de granxas para ter a pauta de vacinación completa de lingua azul (demoras na atención do persoal veterinario da Xunta, situación de enfermidade…).

    -Dotación de persoal veterinario e medios suficientes nas Oficinas Agrarias Comarcais para sacar as mostras, rexistrar e facer seguimento de todos os casos de EHE, efectos vacinación… –cómpre incidir en que a vacina da EHE é nova, en probas dende a primeira semana de agosto-, e unha atención axeitada.

    Estas demandas deben ser atendidas con urxencia. Do contrario, como xa sinalamos, verémonos na obriga de retomar o calendario de mobilizacións. Polo momento ADIAMOS, que non suspendemos, a convocatoria de concentración prevista para mañá en Ourense.