Esta orde segue mantendo restricións insalvables no caso das persoas non profesionais, que se contan por miles na Galiza, especialmente no caso do viñedo. Limitar a atención de hortas e viñas só se están no propio termo municipal onde se reside, ou a un máximo de 5 Km se está noutros concellos, denota un descoñecemento profundo da realidade galega e destes sectores. No caso da viña, é normal que as persoas que as traballan vivan noutros concellos ou mesmo en cidades, debido á estacionalidade e espazamento que requiren as actividades relacionadas e os seus coidados.
En calquera caso, a orde da Consellaría de Medio Rural obriga a levar unha declaración responsábel a todas as persoas que, podendo, queiran desprazarse á súa horta ou viñedo. De seguido, compartimos con vós un modelo de declaración responsábel para imprimir, cumprimentar e levala sempre enriba cando vos despracedes á leira ou ao viñedo. Podedes descargala premendo na icona que hai a continuación: